¡¡NON ME TOQUES!!

 

¡¡NON ME TOQUES!!

O colectivo de ensinantes areanegra solidarízase con Sandra, a rapaza de Toques que foi víctima de abusos sexuais por parte do alcalde da súa vila, Jesús Ares. 

Desde esta páxina queremos enviar a Sandra o noso total apoio, e transmitir a toda a sociedade a repulsa da comunidade educativa a calquera manifestación de violencia sexual e a calquera declaración xustificadora de tales feitos. 

Animamos a todas as rapazas que sufran abusos sexuais a que os denuncien inmediatamente, e que non permitan coaccións de ninguén para calar e mirar cara outro lado. A dignidade das persoas está por riba de calquera presión de tipo político ou social.

 

Respecto aos feitos:

Rexeitamos contundentemente calquera tipo de violencia sexual, especialmente a que sofren as mulleres e as/os menores, e solicitamos a pena máxima para os culpables.

Denunciamos a situación de apoio e privilexio que lle dan a Jesús Ares os seus paisanos e superiores só polo feito de ser alcalde e ter unha situación de poder. Calquera persoa culpábel dun delicto criminal coma este debe ser condenado e inhabilitado de calquera función pública, independentemente da súa adscrición política. Por tanto, esiximos a dimisión de Jesús Ares como alcalde do concello de Toques.

Felicitamos a Sandra por ter denunciado o acoso sexual ao que foi sometida, e aplaudimos a súa valentía e dignidade. Transmitímoslle dende os centros de ensino toda a nosa solidariedade. ¡Ánimo! O profesorado e alumnado galegos estamos contigo.

 

Respecto ás declaracións insultantes dos nosos políticos:

As declaracións de Fraga sobre o alcalde de Toques constitúen unha clara apoloxía da violencia de xénero, unha gravísima ofensa para as mulleres e para toda persoa que defenda unha sociedade libre e democrática.

Non consentimos declaracións minimizadoras dun delicto de abuso sexual, coa agravante de se tratar dun delicto infrinxido a unha menor. Tampouco consentimos a complicidade e o silencio.

Por tanto, esiximos aos políticos, se é que teñen un mínimo de ética e respecto polas mulleres e pola sociedade en xeral, que rectifiquen as súas declaracións, condenen firmemente estes feitos, e impidan que Jesús Ares e os seus edís continúen na alcaldía de Toques.

Así mesmo, esiximos a dimisión do Presidente Manuel Fraga e a súa inmediata retirada da política, pois a sociedade galega non pode consentir este tipo de insultos á liberdade das persoas e o amparo da violencia de xénero dende o cargo de presidencia da Xunta.  

areanegra

Convidamos a todas as traballadoras e traballadores dos centros de ensino e estudantes a que mostren a súa repulsa a este acto indigno e a súa solidariedade con Sandra asinando este documento

asina o manifesto

Ver sinaturas

(a páxina pode tardar un pouco en cargar)

 

subir

        

Volver á páxina principal

 

 


Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org