|
COMUNICADO
DO CLAUSTRO DO IES DE MELIDE RESPECTO DA REPERCUSIÓN MEDIÁTICA DA
SENTENCIA QUE AFECTA Ó ALCALDE DE TOQUES
O
Claustro do Profesorado do IES de Melide, reunido en sesión
extraordinaria o día 3 de febreiro de 2004 para analizar a situación
creada, a nivel de centro, a nivel local e a nivel mediático, pola
denuncia e posterior xuízo de que foi obxecto o sr. Alcalde dun dos
concellos, o de Toques, do radio de acción deste IES, por suposta
agresión sexual contra unha alumna deste centro, comparece ante a
comunidade educativa e a opinión pública en xeral, para facelas partícipes
das consideracións que se realizan a seguir.
Desde
que, xa no ano 2001, se producira a denuncia á que se fai referencia,
este Claustro optou por manterse escrupulosamente á marxe de calquera
elemento do proceso, estando, non obstante, vixiante ante a repercusión
que a sucesión de feitos poderían ocasionar no desenvolvemento persoal
e académico da nosa alumna. O Claustro entendeu, e foi perfectamente
consciente en todo momento, que esa era a mellor das opcións que se lle
ofrecían diante do caso.
Unha
vez levado a cabo o xuízo e feita pública a sentenza, o balbordo de
acontecementos que se veñen sucedendo e o cariz que foi tomando a
situación, traspasando mediaticamente calquera fronteira imaxinable,
este Claustro, temendo polo estado anímico da nosa alumna, reclama dos
medios de comunicación, dos responsables políticos e da opinión pública
en xeral o seguinte:
a)
A salvagarda escrupulosa da identidade da nosa alumna, o respecto
á súa intimidade e ao seu dereito a permanecer no anonimato.
Precisamente polas circunstancias que rodean a denuncia, por tratarse
dunha comunidade de veciños pequena, onde todo o mundo se coñece, e
pola transcendencia política que o asunto foi acadando, se alguén non
ten culpa de nada, sen dúbida, é a nosa alumna.
b)
Unha desculpa pública por parte do sr. Presidente da Xunta de
Galicia por ter posto en cuestión algúns dos elementais principios
educativos defendidos por este e pola inmensa maioría dos centros de
ensino, entre eles, nomeadamente, o supremo obxectivo da educación, o
de formar cidadáns e cidadás libres, libres tamén para elixir, e por
ter minimizado, coas súas declaracións, un feito que supón un
atentado contra a dignidade e a liberdade das persoas. Intentar
confundir á opinión pública da maneira na que os medios de comunicación
se fixeron eco, consideramos que é impropio de quen debera ser
Presidente de todos os galegos e de todas as galegas. Facelo botando por
terra a máis elemental filosofía de traballo deste Claustro seméllanos
sinxelamente deplorable.
Este
Claustro, igualmente, manifesta a súa firme querencia na acción da
xustiza, razón pola cal non valorou antes, nin o fai agora, nin o fará
tampouco no futuro a culpabilidade ou non do acusado, quen, en todo
caso, é merecente do elemental dereito á presunción de inocencia.
Melide,
3 de febreiro de 2004. |