|
|
| vieiros.com
As escolas
galegas falan: ‘Non á guerra’
Foi unha
actividade simbólica, pero moi significativa. A
comunidade escolar galega oponse masivamente á
guerra. Feito o reconto final de votos no
referendo que convocaba o colectivo Area Negra
nos centros de ensino de todo o país, cunha
participación de 58557 alumnos, profesores e
persoal o ‘Non’ ás bombas resultou
maioritario: a oposición á guerra quedou subliñada
por enriba do 90% das papeletas. Logo da exitosa
cadea humana na Costa da Morte en protesta polo
desastre do Prestige, as escolas do país volven
erguer as súas voces, desta volta para pedir:
‘Guerras non’.
Non hai moito que as
escolas de todo o mundo celebraban o Día Mundial
pola Paz, e a paz non é allea como materia
transversal nos currículos escolares. As escolas
ensinan a paz e así queda refrendado na masiva
oposición da comunidade escolar á guerra.
O colectivo Area Negra, coa axuda das novas
tecnoloxías puxo a proba este mércores 12 a
sensibilidade pacifista da nosa comunidade
educativa. A resposta non deixa lugar a dúbidas:
sobre un total de 58.557 votos emitidos, o ‘Non
á guerra’ sumou 52.867 apoios, un 90% do total,
contra 4.190 votos a prol das bombas, arredor dun
7%.
O referendo tivo lugar en 159 centros educativos,
coa participación de alumnos, profesores e
persoal.
Na web
do colectivo poden consultar os datos polo miúdo.
|
|