Coordenadora de Ensino

REFERENDO

Índice

porqués e cómos

organización

envío de datos

documentos

Adhesións

reconto de votos

resultados

imaxes

prensa

ARTIGOS DE PRENSA

Clica no artigo que queiras ler:

El mundo de la enseñanza dice un rotundo no a la guerra.

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición Lemos.

Los colegios de la ciudad votan un rotundo «non» a la guerra

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición Santiago

La gran mayoría de alumnos votó en contra de la guerra

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición A Mariña

Gritos de paz desde las aulas

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición Arousa

Alumnos de «no» a la guerra

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición Carballo

«No a la guerra» desde Lalín

La Voz de Galicia, Xoves 13 de marzo do 2003. Edición Deza Tabeirós

 As escolas galegas falan: ‘Non á guerra’

Vieiros 13 de marzo do 2003

La comunidad escolar rechazó en referéndum un ataque contra Irak

Diario de Arousa, 13/03/2003

Educación Ambiental e pola Paz: A escola di Nunca Máis á Guerra

Revista Cerna nº 38

 

 

Educación Ambiental e pola Paz: A escola di Nunca Máis á Guerra

Antón Fiañas

A todos os escolares iraquís, mortos, orfos, mutilados, refuxiados, exiliados, sobreviventes.

 

É moito o que pasou neste curso escolar que aínda non rematou. Marea negra e guerra vainas lembrar a escola como desgracias familiares que se introduciron nas nosas casas e nas nosas almas. Galicia encadeou a súa protesta fronte da marea negra e da guerra. Estamos nun tempo global, de divorcio abismal entre opinión pública e os centros de decisión política, un tempo de infamias, co mundo ás avesas, ao revés, como no vello sirventés.

 

Coa alma nun puño

         Tivéronnos coa alma nun puño pero vivimos meses de contestación. Nunca máis é un dos movementos cívicos máis importantes da historia de Galicia, que enchería de entusiasmo ao mesmo Curros Enríquez. É vertixinosa a sucesión de manifestacións, concentracións, festivais, recitais, etc., con alegría e pacifismo decididos, por moito que lles pese.

 

Bombardeo de escolas

Nin as escolas se viron libres dos bombardeos. Estamos en guerra e hai que reflexionar. A escola galega sumouse tamén espontaneamente á indignación e ao clamor popular; dos seus balcóns pendurou esa bandeira azul e negra, esa bandeira que é galega e xa é de todo o mundo, pois toda a humanidade berrou nunca máis. Esa bandeira defende a casa dos malos espíritos, ten valor apotropaico. A escola galega agardou serenamente a súa contestación e esta tivo lugar, modelicamente organizada polo colectivo Area Negra, o 22 de xaneiro: unha morea de escolares e profesores nunca vista, movéndose en autobuses polas estreitas estradas da Costa da Morte, e a pé pola costa de Traba de Laxe, formou cadea humana e escribiu unha páxina máis da historia do mar, unha resposta incontestable, como todas as da plataforma Nunca máis.

A escola, pola paz

Seguindo o elemental criterio didáctico de “falar da neve cando neva”, agora, como sempre, a escola tomou a opción da paz. Dicímolo abertamente: queriamos parar a guerra. O referendo pola paz foi outra convocatoria do colectivo Area Negra integrado na plataforma Nunca máis. A escola tamén quería aportar a súa voz para evitar a traxedia. Semellaba unha convocatoria inocente pero con ela desbordou o vaso. A resposta dos gobernantes chegou nunha circular tras a celebración do referendo escolar pola paz o 12 de marzo. Os matóns petaron na mesa e fixeron saltar todas as fichas do dominó e as cartas da baralla. Todas as escolas sentíronse ameazadas, pintaban bastos.

Condenan a paz

A guerra colócanos na situación do uso máis perverso das palabras, o material co que traballamos. Dixeron que non é competencia da escola a defensa da paz e do medio ambiente, que era facer publicidade e propaganda. Díxoo un goberno acuartelado, que goberna absolutamente só, absolutista, que insulta, que considera aos cidadáns súbditos, propios os recursos públicos, que condena a palabra paz. Dixérono en tempos de guerra e fixeron apoloxía do bombardeo celebrando sen ironía o verso de Celso Emilio: “¡Que ben que a bomba vén co seu rebumbio!”.

 

Toda Mesopotamia é obxectivo militar

Apuntáronse ao bombardeo de Mesopotamia, a terra que estudiou por primeira vez o ceo e as estrelas, o pobo que comezou a Historia e inventou a escritura, os primeiros labregos e os primeiros pastores, a terra das primeiras aldeas, das primeiras cidades e das primeiras escolas. ¿Como se pode destruír unha cidade, un país, e facelo no nome da civilización? Bombardearon cidades e os seus barrios, hospitais, mercados, escolas e mesquitas. O curso da invasión seguiu o mesmo curso dos ríos onde naceu a civilización. Consumouse o asalto á Historia, o asalto á razón, o triunfo da barbarie e do espolio. E queren que a escola galega mire para outro lado. Queren facer dos nosos escolares sardiñas enlatadas pero a escola parécese máis á ardora, á ardentía e ao cardume.

 

A política, ¿para os políticos?

A circular enviada pola Delegación é a maior intromisión na escola da que teñamos memoria. A intervención de Fraga, por se quedaban dúbidas, acusa ao profesorado de facer publicidade e propaganda, de “violar a conciencia dos nenos”. “Mirade para outro lado”, dinlles á comunidade de artistas, de periodistas, de científicos, de profesores. “Deixádenos a política a nós”, é o que queren que fixesemos. Pero a política é suficientemente importante para deixala exclusivamente nas mans dos políticos profesionais, e se nos privan da política prívannos da nosa condición de cidadáns.

 

Toda a educación é ambiental e pola paz

Quixeran que mirasemos para outro lado, pero a Educación Ambiental e a Educación pola Paz están presentes en todo o currículo escolar. Atravesan o sistema educativo de cheo e son competencia dos profesionais da educación non só nos contidos, senón tamén nas formas, nas actitudes e nas normas. Non son meras leccións nos nosos programas. Tampouco son publicidade nin propaganda. Seriamos incompetentes precisamente se non o fixesemos, pois educamos para defender a natureza e a paz desde todas as asignaturas. Son patrimonio que nunca se debe perder, que nos dan sentido, porque ¿para que ensinamos se non para conservar, para estudiar, para amar e para defender estes valores?

         Sen educación ambiental e pola paz a sociedade ficaría sen esperanza. A escola, atendendo á súa condición de servicio público, ten que servir para plantear os problemas, para facelo responsablemente, segundo a legalidade democrática, con todos os estamentos, os recursos e os órganos de goberno da comunidade educativa.

         A marea negra que padecemos é a catástrofe ambiental máis grave na historia de Galicia. As nosas costas son as que máis teñen padecido mareas negras. No ensino sabemos que a violencia non resolve os problemas, que non hai camiños para a paz, porque a paz é o camiño. Que nunca hai razóns para a guerra, que é a falta de razón. Sabemos que as guerras non as gaña ninguén. Traballamos coa memoria, coa forza da razón, coa serenidade, o rigor e mais a enteireza que esixe o noso oficio, coa crenza firme nos principios educativos. Os muros da escola sosteñen as estampas dos desastres da guerra de Goya, de Picasso e de Castelao e traballamos coas palabras da vida.

          Sexa logo a escola o lar de Galicia. E que todo, desde o ler até o ensino máis alto, se faga pensando que o saber só vale cando é saber para a vida.

         Díxoo Xoán Vicente Viqueira, pedagogo principal de Galicia. Os profesionais da educación non poden, nin queren, nin deben ollar para outro lado. Por iso, como educadoras e educadores que queren e deben traballar en paz e educar para a vida, a escola galega tamén dixo: ¡Non á guerra! ¡Nunca máis!

 

 

 

 

subir


Volver ao índice de "referendo"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org