|
Intervención de Areanegra no Foro Negro
Antes
de nada, areanegra quere felicitar á organización do Foro Negro por ter creado
este espacio de diálogo, de análise, de creación, de construcción, de
innovación, de renovación, de evolución, e de liberdade. Un espacio onde
temos cabida toda a sociedade, onde todos e todas podemos expresar as nosas
inquedanzas, as nosas propostas, os nosos retos. Areanegra tamén quere agradecer que se contara con nós, pois pensamos que o mundo da cultura e o mundo do ensino temos moito que compartir. Gracias. A
xente que estamos en areanegra cremos que é posible un novo compromiso da
Cultura coa transformación social da realidade galega, pero estamos seguras de
que para construír
unha sociedade xusta, crítica, participativa, plural, creadora, democrática e
libre, non podemos esquecernos da xuventude, dos rapaces e rapazas que se atopan
nas escolas e institutos, pois eles e elas son o futuro deste país, e son
os que realmente poden transformar esta sociedade. Ten que ser un proxecto a
longo prazo, aberto á renovación. É imprescindible crear unha base social
activa, creadora e transformadora, que continúe o camiño que se abra neste
foro, que sexa capaz de cambiar a cor negra actual pola cor azul, verde,
laranxa, amarela... Se non nos achegamos á xente máis nova, este proxecto
quedará roto, desvanecido no tempo. Areanegra
pensamos que o alumnado galego ten que ser e sentirse protagonista. Eles e elas
teñen que ser capaces de crear, facer, expresar, mostrar, ... libremente. Temos
que involucrar á xente máis nova no proceso de transformación cultural, como
partícipes activos, e non como receptores pasivos de información. Crear
unha rede cultural da xuventude, e non algo creado dende fóra para a
xuventude onde elas e eles non participen como creadorese creadoras. Agora
ben, ¿cómo podemos orientar a nosa estratexia? ¿de qué xeitos podemos
involucrar á xente máis nova na participación activa na sociedade, no proceso
de transformación? Este foro, coas aportacións de todas e todos, é o punto de
partida para construír unha rede cultural activa e transformadora, na que
alumnado galego sexa un dos sectores clave de renovación e de futuro. O debate que queremos abrir neste foro, coa intención de buscar estratexias adecuadas de mobilización e participación do alumnado galego, pódese dividir en dous eixes principais: 1-
Colaboración activa entre areanegra e Burla Negra nas actividades organizadas
por ambos colectivos. Ata
agora funcionamos como dous colectivos separados, paralelos, e debemos pensar de
aquí en adiante nunha maior cooperación e intercambio, para que o alumnado
galego non se sinta coma un sector independente, alleo á sociedade na que está
inmerso. As actividades organizadas por areanegra para o estudiantado, deben ser
actividades nas que haxa unha implicación doutros sectores da sociedade, para
que eles e elas se sintan dentro desa sociedade, influíndo nela, e non coma un
colectivo aparte, desmarcado do resto. 2-
Hai que buscar estratexias de cooperación entre o mundo da cultura e o mundo do
ensino nas propias vilas, pobos, cidades. Un intercambio e interrelación entre
as actividades desenvolvidas nos
centros de ensino e nos espacios culturais das vilas. Este pode ser un punto de
dinamización cultural local. Os centros de ensino son espacios culturais nos que todos os días se poñen de manifesto múltiples actividades de creación, de traballo, de intercambio, de participación colectiva, pero soen funcionar como sistemas illados da sociedade na que están inmersos, e raramente sae ao exterior todo o traballo desenvolvido. É necesario que todas esas accións teñan unha relación intensa na vida e na sociedade da vila ou pobo no que se atopa o centro de ensino, que se fomente un intercambio cultural e social. Podemos plantexar este tema dende tres perspectivas: a) Que o que se faga nos centros de ensino saia ao exterior. Aproveitar os espacios dispoñibles nas vilas para que o alumnado se sinta un elemento activo na cultura do seu pobo. Poñer a disposición da xente máis nova as casas da cultura, as sas de exposicións, as bibliotecas municipais, os auditorios, as infraestructuras, etc. b)
Que as accións culturais das vilas entren nos centros de ensino. Que
as accións que se desenvolvan e realicen nas vilas vaian encamiñadas tamén á
participación activa da xente máis nova, que os nosos alumnos e alumnas non
vexan esas dinámicas culturais como algo alleo, que non vai con eles e elas. c)
Que os centros de ensino e asociacións e colectivos culturais das vilas
participen en proxectos comúns. Este é o obxectivo máis importante que se debe conseguir, para fomentar unha participación activa e creadora na xente nova. Se os nosos alumnos e alumnas traballan conxuntamente con outros colectivos nun mesmo proxecto común, onde eles e elas aporten o seu traballo, a súa ilusión, a súa creatividade, estaremos fomentando dinámicas de participación social que teñen continuidade no tempo, e que poden contribuír enormemente á transformación social e cultural deste país. Agora
é necesario o traballo de todos e todas para concretar mellor estas accións,
para sentar as bases deste proxecto, e poñelo a andar. Buscar estratexias,
modos, e dinámicas orientadas a crear unha base social activa, un novo futuro
para Galiza. -
areanegra - |
- - coordenadora de ensino areanegra - -