|
ALGUNHAS
NOTAS DE AREANEGRA SOBRE O MOVEMENTO SOCIAL GALEGO Foro da Verdade O Pprestige mobilizou, con fins educativos críticos e creativos, o profesorado e o alumnado de todo o país antes, durante e despois da constitución de Areanegra, a Coordenadora de Ensinantes que funciona como referencia do movemento cidadán desde o proxecto da cadea Humana. En Areanegra fixemos varias cousas: unha Cadea Humana de máis de 40 km, un referendo con máis de 70.000 participantes que dixeron Non á Guerra, unhas Aulas Abertas contra a Censura ou, hai unhas semanas O Camiño de Santiago ao Revés, co lema: Existen outros camiños. Outro mundo é posíbel, no que de Compostela ao Cebreiro fomos derrubando muros de opresión e abrindo camiños por un ensino laico, polo desenvolvemento sostíbel, a igualdade na diferencia de xénero, a paz sen opresión, a xustiza social ou a normalización da lingua. Esta evolución maniféstase loxicamente en Areanegra: o chapapote foi o detonante que espertou unha conciencia social crítica masiva, mais as sucesivas agresións ao país por parte dos responsabeis políticos conduciunos a interpretar o noso traballo en clave de actualización permanente. Porque logo do Pprestige veu a guerra, a censura, o monstro do Xacobeo. E segue sendo necesario visibilizar tamén nas aulas os síntomas da opresión. O movemento débese adaptar evoluíndo coa sociedade. Nos centros de ensino exércese a liberdade a cotío. Isto comezou cunha enorme marabilla que superou a ficción , a Cadea Humana, mais tamén posuímos unha liberdade das cousas pequenas. Do pin, das palabras diarias, das cartolinas, das manifestacións non espectaculares do día a día. Porque a procura da liberdade perde forza cando se deixan de valorar as cousas pequenas que se comparten entre moita xente. Esa imaxe de pasotismo e desafección social que viña sendo un trazo característico aparente do mundo do ensino –disperso, fragmentado, acomodado- superouse co Pprestige e favoreceu a participación directa de alumnos e alumnas e profes en proxectos concretos. Bailámolo co hip hop dos Ghamberro no Cebreiro máis dun milleiro de rapaces e rapazas hai un mes. Existe vida crítica e conciencia social nas escolas. É curioso que, de súbito, mesmo chamamos a atención da xente de fóra. Hai uns meses Areanegra escribiu un traballo que obtivo o premio Rosa Sensat de innovación educativa, que viña a colocar formalmente a comunidade educativa galega na vangarda da intervención escolar. En Novembro de 2002 iniciouse un proceso sociocriativo neste país, un proceso comunitario, impulsado por accións cidadás pro-activas, de transformación de actitudes e comportamentos cara ao cambio social. A participación de múltiples axentes sociais –tradicionais e novos, inéditos até o momento- non tivo só en conta a experiencia política pasada. Incorporou ao proxecto de cambio milleiros de individuos e grupos sociais que, unidos pola vivencia da precariedade, criaron novas formas de intervención social e novos discursos para a construción doutra Galiza posíbel. A comunidade demostrou que non só quere ser destinataria do proceso de cambio, senón tamén protagonista activa. E como unha ponla imprescindíbel na sociedade, a mocidade tamén o demostrou. E agora aí vai un momento para a superficialidade e a simplificación. Algunhas tendencias que podemos atopar nisto que damos en chamar Movemento Social, como cultura da que Areanegra forma parte, contrastan en tensión dialéctica con outras tendencias características da complexa organización social galega: Vemos que no movemento social tende a valorarse o diálogo, o debate, a asemblea, o traballo compartido, a horizontalidade, superando o verticalismo, o escalafón, as liñas mestras ou as persoas imprescindíbeis (todas somos imprescindíbeis) Fronte ao discruso do queime (o profesorado está queimado, a xente está acomodada...) emerxe o discruso da ilusión (Hai moito por facer, somos moita xente, todo pode cambiar...) Fronte aos roles de protagonismo persoal, o cidadanismo anónimo. Fronte á ralentización dos procesos de cambio, a necesidade urxente de transformar as cousas planificadamente. Diante da dependencia do círculo vicioso eleitoral, a exixencia de hábitos de participación cidadá constante na res pública. Fronte á marca de orina no propio terrotorio e o minifundismo mental, a potenciación de espazos consensuados, comúns e integradores. Diante da perda de reflexos e habilidades para comunicar coa sociedade, o desenvolvemento de axilidade para abordar os conflitos de formas máis próximas á sociedade. Fronte ao movemento tradicional de resistencia defensiva e retagarda, o despregue dunha estratexia criativa anticipatoria de avangarda. Diante do modelo patriarcal, competitivo, agresivo, a aportación imprescindíbel do modelo da revolución das mulleres. Diante das portas fechadas de organizacións non integradoras, autoorganización, aventura propia. Diante do illamento e o leirismo –A Nosa Leira-, coordenación intergrupal en proxectos conxuntos. Grazas Casa Encantada, grazas Negativo Positivo, etcétera. Hai un graffiti en Vigo: A corrente do río só arrastra os peixes mortos. En Areanegra vémonos como troitas e salmóns a subir os ríos contracorrente. A Contracorrente! As teorías psico-sociais sobre o fatalismo latino-americano falan de enfermidades que se poden comparar con varias pestes galegas: 1º idea: A vida está predefinida. Resignación. Conformismo. 2º idea: Nada pode cambiar. Non nos deixemos emocionar polos sucesos da vida. Pasividade. 3º idea: Acepta o sufrimento. Presentismo: non hai memoria do pasado nin planificación do futuro. A proposta do noso modelo de cidadanía para o ensino abre todas as portas: 1.Todo pode cambiar. Rebeldía. Inconformismo. 2.Debemos emocionarnos, abrazarnos, chorar coa esperanza. 3.Hai que reflexionar. Coñezamos o pasado, planifiquemos un proceso de futuro aberto e participativo. E para acabar xa. O mundo do ensino fixo un curso de formación en reflexión e acción educativa inesquecíbel. Un máster de educación social. E a experiencia fica. Existe unha sociedade nova ou renovada tamén nas aulas de Galiza. E unha xerazón de adolescentes que protagonizou un conflito social no que tiveron a súa propia acción participativa e criativa. Fronte á cultura da acomodación dos que nos gobernan e de moitos e moitas outras cos que convivimos a diario en distintos ámbitos e colectivos, nós identificámonos pola experiencia da cultura da precariedade social –cultural, educativa, lingüística económica,...- contra a que actuamos dentro e fóra das aulas. É moi necesario estabelecer liñas de coesión deste movemento, facilitando procesos de visibilidade social, de comunicación interna e externa, de interacción e de coordenación entre todos e todas aquelas que lle berramos ao poder NON SERVIAM: Non te serviremos. Séchu Sende - Areanegra- |
- - coordenadora de ensino areanegra - -