| Mensaxes do antigo foro |
|
Vexo en areanegra unha nova forma de participación no marco sociopolítico do ensino. Areanegra camiña en paralelo aos órganos tradicionais (sindicatos, asociacións, movmentos de renovación pedagóxica...) e xurdiu espontaneamente do espírito cidadán do mundo do ensino. Eu persoalmente entendo que areanegra, como movimento cidadán, está aberta a todas as persoas independentemente da sua ideoloxia. Areanegra funciona através de asembleas onde cada persoa exerce a sua forma de expresión e decisión. Areanegra é unha coordenadora apartidista, non apolítica. O Manifesto da Plataforma Nunca Máis e os manifestos de areanegra que podemos ver nesta páxina web son os referentes teóricos sociais, políticos, educativos, da xente que traballa e participa das accións de areanegra cara á criazón dunha educación en valores, moderna, actualizada e socialmente comprometida co noso país en crise. Entendo que a participación e colaboración con areanegra se fai a título persoal, como forma de expresión da vontade participativa dos profes e alumn@s que desenvolven asi a sua acción cidadá de forma directa. Eu, por exemplo, estou afiliado a un sindicato do ensino, son membro da xunta directiva dun movimento de renovación pedagóxica e participo en areanegra como profe-cidadán que atopou na coordenadora areanegra unha forma nova, entusiasta e efectiva de intervir no ensino contra o chapapote, o fascismo e a falta de liberdades básicas. Eu entendo que areanegra, dun xeito semellante á Plataforma Burla Negra no sector criativo-cultural, é expresión dunha nova forma de facer cidadania e sociedade. unha nova forma de facer democracia da mellor forma que se pode facer, entre moitos e moitas, tecendo unha rede diaria de esforzo, criatividade social e ilusión. E penso que areanegra está aportando o seu gran de area -para moita xente fundamental- na dinamización de base do noso país, na axilización da participación, na estimulación do mundo do ensino de cara á transformación de Galiza nun país máis livre. Eu son un dos máis de dous mil quiñentos profes que viaxamos á Costa da Morte e fixemos unha cadea humana de 40 quilómetros. E non sei se ten que ver con iso mais desde que traballo convivindo con adolescentes fun aprendendo a confiar máis no futuro que no pasado. O feito de coñecer a historia do meu país ou da miña lingua sempre me impulsou a transmitir a necesidade de que o que ha de vir, o porvir, o futuro, debe ser distinto: máis xusto, máis feliz, máis libre, mellor. E sen dúbida, areanegra é unha demostración de que entre moitos e moitas, o camiño cara a outra Galiza é posíbel. A noite anterior á cadea humana eu fun incapaz de imaxinar como seria unha cadea de máis de 40.000 persoas. Ao dia seguinte, participei xunto a todos e todas vós na realización dun soño. E unha cousa está clara, a nosa forza está na nosa unión e na nosa capacidade para integrar a todas as persoas que queiran aportan o seu gran de area ao dificilísimo obxectivo de TRANSFORMAR ESTE PAIS
Séchu |
|
A diferencia fundamental que vexo con respecto a outras organizacións relacionadas co ensino é que Area Negra pon ao alumnado como protagonista absoluto: Na cadea humana foron eles e elas quen uniron as súas mans, no referendo foron eles e elas quen emitiron libremente o seu voto, nas aulas abertas foron eles e elas os que saíron á rúa a expresar que as escolas están na sociedade, e non son alleas ao que pasa no mundo, e agora nesta actividade que propón Area Negra son eles e elas os que escribirán os seus textos que lerán en alto para todo o mundo, eles e elas teñen a palabra. Dirán un Nunca Máis ao seu xeito, coas súas palabras e sentimentos. Son os nosos alumnos e alumnas os que poden cambiar esta sociedade, os que poden defender a liberdade de expresión, a verdade e a xustiza. Os que poden dar esperanza a este país. Deixémoslles ter o protagonismo, porque é o futuro deste país. O noso futuro.
María |
- - coordenadora de ensino areanegra - -