|
TEXTOS
I ANIVERSARIO DO PRESTIGE
Envíanos
os manifestos, redaccións, poesías, cancións, ... dos teus
alumnos e alumnas a correo@areanegra.net
. Publicarémolos nesta sección.
|
|
|
Clica
no que
queiras ler:
|
|
Instruccións
para o envío
|
|
Relación
de textos en formato doc
(para imprimir)
|
|
I.E.S.
Agra de Leborís, Laracha, A Coruña
|
|
I.E.S.
de Ames, Ames, A Coruña
|
|
I.E.S.
Aquis Celenis, Caldas de Reis, Pontevedra
|
|
I.E.S.
Auga da Laxe, Gondomar, Pontevedra
|
|
I.E.S.
de Celanova, Celanova, Ourense.
|
|
IES
de Curtis, Curtis, A Coruña
|
|
I.E.S.
Eduardo Pondal, Santiago de Compostela, A
Coruña
|
|
CEIP
"Humberto Juanes", Nigrán,
Pontevedra
|
|
C.P.I.
Jose García García. Mende, Ourense.
|
|
I.E.S.
Lagoa de Antela, Xinzo de Limia, Ourense
|
|
I.E.S.
Marco do Camballón, Vila de Cruces, Pontevedra
|
|
C.P.I.
de Mondariz, Mondariz, Pontevedra
|
|
CEIP
Os Muíños, Muxía, A Coruña |
|
IES
Pedra da Auga, Ponteareas, Pontevedra.
|
|
I.E.S.
Praia de Barraña, Boiro, A Coruña
|
|
IES
Primeiro de Marzo, Baiona, Pontevedra.
|
|
IES
Ramón Caamaño, Muxía, A Coruña
|
|
CEIP
Ventín, Ames, A Coruña
|
|
OUTROS
Se queres, podes escribir dende
o seguinte formulario |
|
|
|
|
1º
ESO |
|
Mañá
fai xa un ano que un barco chamado Prestige
navegaba polo océano Atlántico. O barco
trasladouse ben ata que empezou a perder fuel,
rompeu e o este espallouse por todo o mar ata
chegar ás costas galegas. Fraga, mentres tanto,
estaba cazando. O petroleiro afundiuse pero seguía
a botar fuel para fóra. As barreiras de contención
non valían para nada, e cada vez ía estando todo
máis manchado. Os políticos daban propostas,
pero todas elas falsas. Agora o fuel acababa cos
oficios do mar. Non había peixes, non había
percebes, etc. Os barcos non poden pasar por alí.
Cando
son as eleccións elíxese un partido para algo,
non para NON FACER NADA. A xente que vive do mar pérdeo
todo. OS POLÍTICOS DIN: “Fixemos todo o que
estaba nas nosas mans”. E NÓS DICIMOS: “Todo
menos o que tiñades que facer”. Fai un ano que
Galicia sufriu unha catástrofe que non se amaña
con diñeiro.
María José Bacariza Rey – 1º E.S.O. –
I.E.S. Aquis Celenis
subir
|
|
2º
ESO |
|
Xa
vai facer un ano que ocorreu a traxedia do
Prestige, a cal arruinou moitos/as
traballadores/as a quedaren sen o seu posto de
traballo. Morreron moitas aves, peixes…
Xa
son bastantes os barcos que afundiron nas costas
galegas. Téñennos que informar máis sobre o que
ocorreu e o que está a ocorrer.
E
non só hai que estar aí nos bos momentos, cando
nos interesa, cando non hai que facer nada. Hai
que estar en todo, no bo e no malo e con todos.
O
Prestige acabou coas Illas Atlánticas, coas nosas
costas, que aínda non están ben limpas. As
praias non recibiron o mesmo número de turistas có
resto dos anos. Xa é tempo de empezar a sacar o
fuel que aínda queda no fondo do mar.
Se
esperamos estaremos anos e anos, e cando queiran
encontrar unha solución, non haberá solución
que valla. Hai que loitar e arriscarse polo que é
noso, de todos/as. Se seguimos así, o noso
prestixio está no fondo do mar. O pouco país que
nos deixaron e nos queda hai que aproveitalo. Isto
quedará marcado nas nosas vidas e nos demais
galegos e galegas. Se a nosa vida nolo concede,
contarémosllo á mocidade que aínda non existe
ou non o entende pola súa idade.
A
quen hoxe non quere facer ben as cousas era mellor
que as fixese polo seu ben, porque quedaría ante
nós como unha boa persoa, e polo noso ben porque
non queremos seguir así, sen resposta.
Nós
pedimos que xa é hora de seguir adiante defendo e
loitando polo que é noso.
Laura Pereira Martínez – 2º E.S.O –I.E.S.
Aquis Celenis |
|
Nun
día coma o de hoxe fai un ano aconteceu unha catásatrofe
nas costas de Galicia. Non só afectou a aqueles
mariscadores/as e pescadores/as que vivían do mar
senón tamén a toda a comunidade galega ,
afectando negativamente ás nosas vidas e á nosa
situación.
Antes
estas circunstancias que alteran a nosa sociedade,
o máis importante é que esta se una e se axude
mutuamente. Neste caso non só nos axudamos os/as
galegos/as senón que gracias ó labor do
voluntariado, os efectos enormes e devastadores
diminuíron. Foi un suceso que espertou grandes dúbidas
nos controis marítimos e sobre o control das
empresas petroleiras, axudando así a mellorar a
situación de transporte de substancias químicas
polos mares de todo o mundo.
Aínda que esta catástrofe tamén afectou, claro
está, á fauna e á flora, inda que se recuperará
algún día, nunca serán as mesmas
Na
actualidade o gran problema é que moita xente xa
non recorda esta catástrofe, e o que non podemos
esquecer é que o Prestige segue vertendo residuos
ó mar.
Pero hoxe, un ano despois, o que hai que facer é
termos en conta o noso pasado para que situación
coma esta non volvan ter cabida no noso presente.
Rubén Barros Iglesias – 2º B – I.E.S.
Aquis Celenis |
|
Coa
chegada do Prestige as costas galegas sufriron a
caída de gota de auga que colmou o vaso. Xa é a
quinta vez que tinguían de negro as nosas vidas;
e non só iso, senón que ademais pretendían
facernos crer que o que viamos era un mero
espellismo; que as nosas costas non se verían
afectadas. Días despois esa tranquilidade que nos
vendían acabou chegando ás nosas costas e
converteunas en negras esperanzas.
Por
sorte, despois destas negras ondadas chegaron
brancas marexadas de todos os puntos da nosa e
doutras xeografías, eran o voluntariado. Foi toda
esta xente desinteresada a que fixo que o noso
litoral fose recuperando as súas cores naturais.
Un ano despois as costas no están totalmente
recuperadas, e aínda que xa melloraraon moito,
terán que pasar moitos anos ata que Galicia
recupere o seu antigo esplendor.
Só
queremos que Galicia non se volva emporcallar.
Pobo galego, digamos ¡NUNCA MÁIS!
Gabriel Mosquera – 2º C – I.E.S. Aquis
Celenis
subir
|
|
3º
ESO |
|
Todo
isto que sucedeu en Galicia polo afundimento do
Prestige merece que loitemos para que non se volva
repetir, porque xa non é nin a primeira, nin a
segunda vez, senón que xa van varias. Queremos
dicirvos que, por moito que se estrague o medio
ambiente, o goberno segue admitindo que polo bordo
das nosas costas pasen barcos con mercancías moi
perigosas.
Por
iso, xa basta de queixas e de manifestacións para
nós, xa chegou a hora de levantar os ánimos e de
facer que a xente á que non lle importa o que
pase coa natureza se preocupe, deixe de pensar só
en materialismo. ¡Hai que poñer en práctica
algo que nos solucione todos estes problemas e a
nosa débeda co medio ambiente!
Temos
que lembrar o que sufriron as nosas costas e
deixar de pensar en economía porque así non
teremos lugares onde vivir de forma natural. Se
todas as persoas fosen así, ¿de onde quitariamos
tantos voluntarios/as para axudarnos a limpar as
nosas costas? ¿Por que non pensamos nos mariñeiros/as
que quedaron sen traballo ou tamén en todas as
aves que morreron por culpa nosa?, ¿os animais
deben sufrir por nós?
Non.
Por iso hoxe, que estamos todos/as xuntos/as aquí,
lembremos este momento coma se fósedes aves que
viven nas costas. ¿Que diriades? Pois despois
desta reflexión, quero que sempre gardedes este
acontecemento na vosa memoria, e que xamais o
borredes.
¡TEMOS QUE LOITAR PARA QUE NON VOLVA OCORRER!
Cristina Núñez Fresco 3º E.S.O. -
I.E.S. Aquis Celenis
subir
|
|
4º
ESO |
|
A
punto de cumprirse un ano das peores traxedias
acontecidas fronte ás nosas costas, inda que non
foi a primeira, agardamos que esta sexa a
derradeira, o Prestige. Despois do visto e
escoitado, manifestamos a nosa preocupación por
algo que se puido evitar ou polo menos que a catástrofe
fose máis pequena. Sen saber a verdade, tanto o
goberno español como o autonómico intentaron
dende o primeiro momento calar o clamor popular de
que non estaban actuando acertadamente e despois
dando mentiras tras mentiras e intentando calar as
protestas con cartos e censurando a quen se atrevía
a dicir a verdade. Quedou claro que a ineptitude
dos responsables gobernamentais e políticos nos
deixaron unha desgraciada herdanza no noso
abundante mar, praias e costas. Á parte de
milleiros de aves e flora mariña que, cunha pouca
de sorte e bastantes anos volva parecerse un pouco
ó que era antes da traxedia “Prestige”.
Pensando
en que poida volver pasar, creo que serían
necesarias novas tecnoloxías marítimas debido ó
intenso tráfico de enormes petroleiros e ademais,
renovación persoal no medio político, o cal
estea preparado e capacitado para tomar decisións
acertadas. NUNCA MÁIS.
Patricia Bacariza Martínez – 4º E.S.O. –
I.E.S. Aquis Celenis
subir
|
|
1º
BACHARELATO |
|
Xa
pasou un ano...un ano no que xa comezamos a
esquecer pero...¿quen pode ser capaz?, no
pensamento pode ser pero...no interior, dentro da
nosa alma... imposible.
Eu
denominaría este longo ano como o do meu
despertar, non só meu senón de todas as
conciencias da mocidade galega, ¿quen non sentiu
impotencia, rabia, dor ó ver cómo o prestixio
duns poucos partía en dous e desprendía a negra
mancha, o loito dos mariñeiros, das mariscadoras,
das redeiras...?
Xa
pasou un ano...un ano do meu nacer, eses días
estaba eu de aniversario e esperaba un bonito
agasallo, alegría, paz... pero en cambio esto foi
o que recibín, ¿tan mal me portei?, ¿e as
xentes do mar?
Dise
que de súpeto non se pode madurar ¡Pero que
pasa! Eu si que o sentín neses días, do 14 ó 19
deime de conta da miña cegueira, vendo nos medios
unha noticia que nun principio non cría. Parecía
de ciencia ficción. Abrín os ollos de par en par
e descubrín o mundo sen esa fantasía coa que eu
vivía, descubrín a verdadeira realidade, a
realidade na que non me gusta vivir.
Xa
pasou un ano... un ano longo e esvaradizo do que
xa nos esquecemos, pero o espírito do Prestige
segue aí, tan presente coma antes, ¿por que os
medios non informan? ¿por que xa pasou a noticia
espectáculo que todos buscaban?, ¿por que teñen
medo de mancharse? ¿Hai unha man negra que os
ameaza? ¿ou intereses?; ¿e a liberdade de
expresión?
Xa
pasou un ano... e os culpables están aí, tan
contentos e irresponsables coma no momento do
Prestige, a guerra do Irak ou o día da súa
elección...
¡Como
o podemos consentir! É así, durante toda a
historia os que tiñan o poder foron os crueis...
Uns cazan animais, a outros todo lles parece ben e
os que deben responder calan coma cans... quizais
por vergoña da súa incompetencia, dos erros
cometidos e un longo etcétera.
Xa
pasou un ano... e aquí estamos as persoas que na
costa galega, na Costa da Morte unimos as nosas
mans observando cómo as ondas batían sobre as
rochas formando a escuma branca dunha marea humana
que intentaba combater o vulto negro que do mar
profundo viña.
Xa
pasou un ano... e coma hoxe dentro de 365 días
temos que nos volver reunir, porque o problema do
.maldito barco. para sempre estará aquí, nin
anos, nin séculos, para sempre quedará na
historia de Galiza unha mancha imborrable.
E,
xa pasou un ano... Que o escoiten todos e todas:
O
PROBLEMA SEGUE AÍ, E E POR ISO QUE ESTAMOS AQUÍ,
PARA QUE ¡NUNCA MÁIS! VOLVA OCORRER.
¡NUNCA
MÁIS!
Cecilia
Touceda Rey. 1° BAC . IES Aquis Celenis. Caldas
de Reis.
|
|
Despois
dun ano do acontecido no noso mar, na nosa fonte
de vida, que se converteu nun vertedoiro construído,
como outros máis, pola incompetencia dos nosos
políticos, reclamamos unha medidas para que non
se volva repetir unha situación semellante, unha
situación que obrigou a que tivesen que vir
persoas de toda España e toda Europa a limpar as
nosas praias, as nosas costas, feito que debemos
agradecer todos/as nós.
Máis
tarde do sucedido co Casón, Mar Exeo, etc., ¿como
puido pasar co Prestige?, ¿e que da Historia non
se aprende? Pois dende agora non queremos contar
ningún máis. Queremos solucións para un barco
que segue soltando petróleo no fondo das nosas
augas e para as manipulacións informativas dende
o poder.
Esiximos
coñecer a verdade, sabendo que o barco segue
baldeirando o seu contido, ¿poden estar as praias
máis limpas ca nunca? As praias hai que seguir
limpándoas, pero ¿non facía falla tamén limpar
a Xunta de Galicia? ¿Imos seguir crendo na xente
que nos enganou dende o principio?
Dende
aquí animamos a todos/as galegos/as a que sigan
loitando polo seu porque nas súas mans está
limpar Galicia destes políticos incompetentes e
corruptos, que non se deixen enganar. E cun gran
folgo sigamos dicindo:
NUNCA MÁIS
Lucía Búa Devesa – 1º A –I.E.S. Aquis
Celenis
|
|
Despois
de que pasase un ano da catástrofe do Prestige,
unha catástrofe que nos aliou aínda máis, xuntámonos
aquí para recordar un acontecemento que nos fixo
sufrir e que non queremos que volva ocorrer.
Non
queremos nin debemos esquecer o 13 de novembro que
nos supuxo tanta dor, tanto sufrimento e bágoas
da xente que vive do mar; temos que recordalo para
que non volva acontecer un feito de semellantes
características, e que permaneza como un
acontecemento pasado da nosa historia.
Temos
o Prestige nas nosas augas, e séguenos a facer
dano; aínda que as praias ante os nosos ollos
aparenten estar limpas, no fondo dos areais hai
moito chapapote, mentres que nove delas seguen a
estar sen limpar totalmente. Tamén as rocas máis
complicadas permanecen como o primeiro día porque
non hai medios suficientes para a súa limpeza.
Antes
a xente do mar saía tódolos días arriscando a súa
vida para gañar ese pan de cada día, ese pan co
que sostiñan as súas familias, os seus fillos,
que xa vían o que lles estaba a ocorrer, pese á
curta idade que tiñan moitos deles. Agora ó non
saír nos medios de comunicación parece que todo
está solucionado, pero non, estes non poden ir
facer o traballo do cal vivían e agora queren
quitarlles esas axudas económicas que reciben
para poder vivir.
Nunca
se estivo de acordo co que estaban a dicir sobre o
que estaba a acontecer en Galicia, co cúmulo de
contradiccións e de falsidades, mais saímos
adiante e podemos estar aquí celebrando o
cabodano do que consideramos a maior catástrofe
natural dos últimos tempos dicindo NUNCA MÁIS.
Non
só sufrimos os cidadáns de a pé a catástrofe,
tamén a sufriron unha extensa variedade de
especies mariñas e aves, que foron víctimas
igual ca nós de algo que podía ser evitado nunha
gran parte se detesen o petroleiro no momento que
rompeu e así sufririamos unhas consecuencias
menores.
Non
quero que nos xuntemos outra vez aquí pola mesma
causa ou por unha similar, que todo o que conlevou
o accidente do Prestige o 13 de novembro lles
sirva de precedente, que non cometan tantos erros
como os cometidos e que a verdade sempre a hai que
levar por diante.
Queremos
agradecer ó voluntariado a axuda que recibimos e
todos os medios facilitados para a limpeza, as
axudas físicas e económicas, e que todos saiban
que NUNCA MÁIS.
Eva
Fraga Campañó- 1ºC- Bach. - I.E.S. Aquis
Celenis |
|
¿Onde
están?, ¿onde están esas augas limpas e
cristalinas que bañaban a nosa terra? Todo quedou
reducido á nada, a un soño fermoso que marchou
coa luz do amencer. Quén puidese volver atrás o
tempo e evitar este desastre. Augas limpas, ondas
de escuma branca xogaban ó iren e viren nas nosas
praias, nas nosas costas. Paisaxes fermosas e únicas
que facían soñar cun mundo ideal.
Agora,
só se oe un lamento que xamais calará. Pode que
as persoas esquezan... como esquecen as promesas
que fan, dicindo que nunca volverá pasar. Poida
que as persoas o esquezan, pero o mar, non o
logrará esquecer. Todo o seu morreu, a súa
fauna, a súa flora... A vida do mar morreu por
culpa dunha peste negra que o cubriu coma un manto
de morte. O seu lamento faise máis forte, pide
axuda a berros e ninguén o oe. Tenta recuperarse,
pero non o consegue. Arrastra para as praias todo
o que arrinca de dentro, todo o que lle fai dano.
Pero non é quen de quitalo todo sen axuda. E vai
deixando na area mostras da negrura e da morte que
agocha dentro de si. Xa pasou un ano, pero tardará
moitos máis antes de que o mar poida volver a
estar en paz. A nosa terra enteira emite un laio
de desolación, o seu ben máis prezado morre
pouco a pouco, e ela nada pode facer por el. Só a
forza e a vontade da xente evitará que este
desastre volva a ocorrer. Só coa determinación
da nosa xente, de todos nós, lograremos que todo
volva a estar coma antes.
Quizais
algún día poidamos entender por qué ocorreu
todo isto. Porque os que din ser importantes
permitiron que a desgracia caese sobre Galicia.
Sen faceren nada, facendo oídos xordos a todo e a
todos, mentres miran o espectáculo dende os seus
cómodos despachos. As súas palabras van
cambiando de tema, e agora todo isto é coma se
nunca ocorrese. Coma se as nosas costas non
estivesen manchadas de negro, sinal de que algo
terrible sucedeu, e aínda sucede. Precisamos de
toda a forza da xente, e sobre todo nós, a
mocidade, para que esas persoas non nos esnaquicen
o futuro que nos agarda.
Dende
aquí, neste momento, diríxome a todos vós para
pedirvos que non vos rindades, que isto aínda non
acabou, e lograremos afastar do poder todas esas
persoas, que viven cunha negrura intensa nas súas
almas. Que prohíben que saian á luz as noticias
que teñen sobre isto, que lles calan a boca a
todos/as para que non falen máis disto. Galicia
é fermosa precisamente porque é nosa, e defenderémola
ata a morte, para que os demáis saiban dunha vez
que non permitiremos que fagan connosco o que lles
dea a gana. A nosa vida é a nosa terra e por ela,
por nós, non nos renderemos xamais. E na costa,
mentres a luz do sol ó poñerse pouco a pouco
tralo mar, tingue de sangue as nubes, o noso mar
está morto por dentro.
Vanessa
Abal Louzán -1º Bach. D –I.E.S Aquis Celenis
|
|
Mares
azuis, fermosas praias, peixes de cores… de esto
xa hai un ano, a desgracia chegou ás nosas
costas, o mar azul converteuse en negro, os peixes
que nadaban agora están mortos.
A
miña teoría: os políticos íano arranxar, pero
esta teoría quedou polo chan, e con esta, as miñas
bágoas vendo homes coas súas mans núas e
mulleres coas pas intentando impedir a chegada de
chapapote; pero os seus esforzos foron inútiles:
un fatídico día chegou a marea negra ás nosas
costas. Para o noso goberno eran só uns fiíños;
para nós era a nosa vida, a vida das nosas
praias, rías e medio de vida; medio de vida que
se veu afectado por esta desgracia.
Coa
chegada da marea negra viñeron as primeiras
mentiras, esas mentiras que, se algún mariñeiro
morto as oíse, se removería no seu leito de
morte.
Os
galegos pedimos axuda e tivemos resposta, unha
resposta que só algúns puidemos apreciar. Esta
axuda chegou: chegaron os gardiáns das nosas
costas vestidos de branco, chegaron de todos
sitios, nunca houbo tanta xente unida por unha
mesma causa e, inda así, non nos fixeron caso.
As
mentiras e as censuras fixeron duros os nosos
corazóns e avivaron as nosas voces, por eso hoxe
estamos aquí, para sermos oídos/as e para
dicirlles que non nos poden calar, que seguimos
loitando polas nosas costas, pola vida. Quixeron
censurarnos impedíndonos poñer as nosas
bandeiras, pero non deron, a xente respondeu con máis
e máis grandes; non nos deron calado antes e,
agora, un ano despois, non calamos e tampouco
esquecemos.
A
censura chegou ata as televisións, quixéronnos
enganar a todos, pero non deron. Non sei cómo
pudieron ter tanta maldade.
Na
Idade Media a barba era símbolo de sabedoría,
agora é símbolo de incompetencia e mesquindade.
Quixeron
calarnos, pero non deron; quixeron comprarnos, só
algúns resistimos. Somos xente ceiba que pensamos
por nós mesmos; tamén temos dereitos e dereito a
que nos escoiten, para eso vimos aquí, para que
vexan que seguimos loitando; queremos ver as nosas
praias limpas e os peixes de cores nadando polo
fondo mariño, o mesmo fondo mariño que agora está
negro pola incompetencia.
Queremos
respostas, queremos praias limpas, queremos
peixes; non máis animais mortos, especies
extinguidas, censuras, mareas negras. Por eso
dicimos nunca máis, nunca máis enganos, nunca máis
censura, nunca máis mareas negras.
Ángela Cortés Rey - 1º Bach. D - I.E.S.
Aquis Celenis |
|
Houbo
unha vez un pequeno pobo non hai moito, que se
caracterizaba pola súa paz e harmonía. Pero un
bo día algún descoidado, ou desgraciado, tentou
facerlle dano, e de qué maneira. Estas malas
herbas tornaron as augas puras e claras en augas
negras e asasinas. Para este pobo non había cousa
máis importante cá síúa auga, o seu mar. Tod@s
quedaron abrumados ante a impotencia que sentían
ó ver as súas augas puras e cristalinas, escuras
e sen vida. O pobo (ou parte del) deuse en rebelión
e protestou ante esta catástrofe vital pois os
seus peixes estaban mortos, as súas costas, outro
tanto e por se fose pouco o seu pan tamén estaba
negro.
Estes
malos bechos trataron de calmar a xente do pobo
pedindo perdón e dicindo que todo fora un
accidente, pero ¿quen dixo tal cousa? Ás veces dá
que pensar se foi un accidente ou algo
intencionado. O pobo, aínda así, seguía
indignado mais veu unha alma caritativa que lle
ofreceu catro pesetas e… ¡ala!, medio pobo
comprado. @s máis afcetad@s pola catástrofe
recibiron un salario e ós dous meses chegaron as
votacións e os habitantes das vilas afectadas déronlles
uns escanos máis ós mesmos bechos que meses atrás
lles tiraran o seu lixo nas súas casas e que
agora estaban a limpar.
Disto
hai un ano xa, pero as manchas seguen aí; poida
que non se vexan a simple vista, pero no interior
esas augas aínda non son tan puras como un día
foron.
Nembargantes,
a miña protesta non vai dirixida a eses porcos
que nos cagaron enriba senón a tod@s aqueles/as
vendid@s, que lle deron o seu voto ó mesmo diaño.
Dáme moita mágoa ver cómo os meus irmáns,
fillos do mesmo patrón, fillos da nosa nai,
Galicia, lles dan as costas a si mesmos e á súa
propia nai. É indignante ver cómo os convencen
con catro palabras bonitas e catro pesos no peto.
A ese só me queda dicirlles que oxalá un día
sexan axustizados pola súa nai coa peor das
condenas. E os que nos tiran o seu lixo, que
saiban que un recolle o que sementa, e algún día,
cando estes poucos sexamos uns moitos, habémoslles
dar a súa propia menciña.
Yolanda Rey Pardo – 1º Bach. E – I.E.S.
Aquis Celenis
|
|
O
13 de novembro do 2002 foi un día que perdurará
na mente de tódolos galegos e españois. Foi un día
no que se acordaron de nós, desa rexión ó
Noroeste peninsular, marxinada polo goberno e na
que nos teñen como burros e ignorantes. O
Prestige deixounos mares sen coidar, praias
desertas, desemprego, problemas económicos; e
todo isot por culpa du berco en un día. Estase
cuprindo o dito de que todos os males lles suceden
ás rexións máis pobres. Pero isto non poderá
con nós: tantos militares, tantos ministros,
tanta seguridade... pero ó final teñen que sr
voluntarios, que son os únicos que se preocupan
por nós.
O
goberno mentiunos. Fíxonos crer en algo que
non cumpriron. Prometéronnos mil historias e
nada. Algúns xa estamos fartos. Se este goberno
non funciona, hai que cambialo. Necesitamos un
goberno que nos escoite, que nos apoie, que nos
faga senitr seguros; non queremos oura marea
negra. O Prestige fíxonos perder moito, pero tamén
nos fixo entrar en razón. Galicia necesita un cámbio
político e coa forza da xente poderemos
conseguilo. ¡Nunca máis!
Fernando Sabarís - 1º Bach. "E".
– I.E.S. Aquis Celenis |
|
As
catástrofes chegan cando menos as esperamos, e así
chegou hai un ano ás nosas vidas unha desgracia
que nos deixou a todos abraiados/as. O Prestige
era o nome que recibía un barco, un barco xa
antigo e cargado de fuel. De camiño ó seu
destino, e por arzóns que nunca quedaron claras,
o barco comezou a perdr a importante carga que
levaba, despois de que o monocasco, prohibido
este, rompese. Neste momento empezou todo, un todo
que deixou as nosas costas de loito, que
ensombreceu a vida dos que vivían no mar. Unha
xente que no momento perdera as esperanzas de que
as nosas costas volvesen ser as mesmas de sempre.
Tamén houbo unha decisión que influíu na mala
sorte dos galegos: a idea de levar o barco cara ó
sur, pegado á costas. Moita xente di que, se o
levasen cara ó interior, a situación das nosas
costas non sería tan grave.
Todos
os días durante o suceso os medios de comunicación
informábannos do que ía ocorrendo minuto a
minuto ata o día en que o barco afundiu.
Intentaron por todos os medios sacalo e recoller o
fuel, pero xa nada se podía facer, só lamentarse
e limpar, coa axuda de moitos/as voluntarios/as as
nosas ricas costas, que agora xa non o eran posto
que todos os seres vivos próximos a estas
morreron xunta a nosa alegría.
Despois
de todo o sucedido, o goberno prometeu que isto
non volvería ocorrer, que se tomarían medidas,
que se prohibirían definitivamente os barcos de
monocasco. Pero non é así porque estes barcos
seguen utilizándose. Eu penso que deberiamos
facer algo, manifestarnos sempre polo ben das
nosas costas e a nosa vida xa que ninguén ten
dereito a estropeala coma se fose a súa propia.
Nunca máis debe volver suceder isto, nin agora,
nin dentro de cen anos, nin ¡nunca máis! E se é
certo que se preocupan por nós, por Galiza e
polas nosas costas, que o demostren. Deben estar
atentos a todo, para iso lles damos o poder e non
para que estean sentados sen facer nada e, cando
chega o dano, laven as mans.
Por
iso gritemos todos xuntos ¡NUNCA MÁIS!, para que
nos escoiten e non se esquezan de que existimos.
Somos persoas con dereitos e debemos proclamarnos.
Unha vez máis deamos o grito da nosa guerra
persoal ¡NUNCA MÁIS! Acabará por funcionar.
Noelia Doval Iglesias - 1º Bach.
"E". – I.E.S. Aquis Celenis
|
|
No
cabodano do desafortunado accidente do Prestige,
as praias e a costa atlántica galega e parte da
portuguesa xa están moito máis limpas, gracias
ós milleiros de voluntarios/as que traballaron
para devolverlle o prestixio a unha das tres rías
máis importantes do mundo, a de Arousa, debido a
uns ineptos gobernantes que non fixeron nada para
evita-lo desatre máis que daren dircursiños e
manifestar indignación e impotencia ante o
suceso, manifestacións nas que só se
terxiversaba a información.
Queremos
que se busquen solucións, que se preste máis
axuda ós/ás mariñeiros/as, pescadores/as e
prexudicados/as, que os políticos ensucien as
mans, que lle boten unha man á súa xente, en vez
de saír na televisión informándonos con
mentiras.
Milagros Guadalupe Alfonso Gándara - 1º Bach.
"E". – I.E.S. Aquis Celenis |
|
Ceo
que, como aínda se pode observar, e a pesar de
que non o queiramos ver ou admitir, o chapapote aínda
segue nas nosas costas e,se non, non hai máis que
dar unha volta polas zonas rocosas da parte leste
da illa e, a pesar de que por riba todo está moi
limpo (ou parece), non temos máis que levantar
unha pedra e levar o chasco de que por debaixo
todo segue igual.
Aínda
por riba, as máquinas de hidrolimpeza están moi
ben: limpan rochas pero, xa de paso, tamén quitan
todo ser vivo que existe nelas e que tarda anos en
rexenerarse.
Coido
que o mellor que podería face-lo goberno no
momento da catástrofe sería dimitir posto que
isto demostrou que son unha panda de incompetentes
que non saben dar unha solución rápida ós
imprevistos.
J. Alberto Goldar Aragunde - 1º Bach.
"E". – I.E.S. Aquis Celenis |
|
Aínda
que xa pasou un ano da catástrofe natural que
produciu o Prestige, todo o pobo galego o
recordamos coma se fose hoxe xa que aínda estamos
a ver, día a día, as múltiples consecuencias
que produciu e está a producir. Moita xente
quedou sen traballo, moitas aves e animais mariños
morreron, desfixéronse as nosas costas manchadas
por un vertido que non lle pertencía ó mar, pero
gracias á solidariedade de toda a xente, tanto
española coma estranxeira, puidemos solventar un
dos maiores problemas: sacar o chapapote das nosas
praias para que non seguise facendo dano.
O
pobo galegosó lle debe dar as gracias a esa xente
que nos veu axudar, mostrando a súa solidariedade
e preocupación polas consecuencias que o Prestige
deixou e podería seguir deixando, xa que o Estado
e os seus dirixentes viñeron ás nosas costas a
sacar fotos e facerlle crer á xente que estaban
preocupados pola catástrofe ocorrida.
Por
iso queremos darlles as gracias ós milleiros de
voluntarios/as que nos viñeron axudar, e que os
responsables desta catástrofe, que nunca
esqueceremos, recoñezan a súa culpabilidade para
que isto nunca máis volva suceder.
Laura Villar Ares - 1º Bach. "E".
– I.E.S. Aquis Celenis |
|
Xa
un ano pasou dende que a desgracia voltou
golpe-las nosas costas, dende que a fermosura
destas costas quedou cuberta por un veleno mortal
de cor negra, dende que milleiros de mariñeiros
se viron na obriga de deixar de pescar e utilizar
os seus aparellos para unha pesca moito máis difícil
e dolorosa.
Xa
un ano pasou dende que nós, os/as galegos/as, nos
vimos sós diante de tal catástrofe sen o apoio
do goberno; xa un ano pasou dende que o pobo español
e, en particular, o galego se viu na obriga de
erguer a voz e pedir a berros unha solución pola
que hoxe aínda moitos seguen a esperar. A nefasta
actuación do goberno español deixou entrever a
importancia da que goza Galicia para o goberno
español: ¡ningunha! Dende aquí pídovos, cidadáns
e cidadás, que voltedes atrás a mirada, que
voltedes ó 13 de novembro e recordedes o pasado,
que loitemos xuntos por unha Galicia que importe.
Pidamos a dimisión de Fraga e con el a de todos
os compoñentes do goberno galego, como o ministro
de Fomento.
Que
a desgracia sufrida no 2002 nos faga ver o
vulnerable que é galicia e a necesidade dun
cambio de conviccións. Galicia non é menos senón
máis. Poñámonos en pé e berremos "DIMISIÓN".
Que se aprecie dunha vez por todas a Galicia nosa
nai e a nosa protectora, deámoslle dunha vez o
lugar que merece.
Sofía Piñeiro - 1º Bach. "E". –
I.E.S. Aquis Celenis |
|
Xa
pasou un ano, Galicia, un ano despois desa
terrible desgracia, un ano despois de que as nosas
praias, costas e mareas azuis se tinguisen de
negro.
¡Por
fin espertamos! E demostramos que unidos/as ninguén
pode con nós; non nos van convencer, nin sequera
a marea negra.
E
imos seguir demostrando que Galicia unida pode
vencer todo e a todos como xa demostrou. Aínda
que teñamos un goberno de ineptos, xuntos/as
sacaremos esta terra adiante.
O
13 de novembro de 2002 Galicia uníase contra unha
crise e loitou contra ela, e venceu porque o
goberno non tivo valor nin coraxe para combater
esa desgracia.
Xa vedes: tanto poder e tantos mitins, e cando fai
falta axuda, esquécense de nós.
Pero non nos fan falta. Nós sós soubemos saír
adiante e demostramos cánto valemos.
Lucía González - 1º Bach. "E". –
I.E.S. Aquis Celenis |
|
A
min, persoalmente, non foi o afundimento e a saída
de chapapote o que máis me doeu, senón todos os
animais que morreron, morren e morrerán por culpa
do fuelóleo. ¿Credes que eles tiñan a culpa do
espítito avaricioso do ser humano? Non, eles
estaban aí e sufriron un destino que non deberían
ter padecido. Pero apareceu a man do ser humano,
que o único que fixo foi desfacer todo. A culpa
non é só do Prestige, a culpa é de todos. Agora
non podemos remedialo, pero podemos previr outras,
así que xa sabedes: todos/as queremos que isto
non se repita; o que temos que facer é axudar.
Agustín
Jamardo – 1º Bach. A – I.E.S. Aquis Celenis. |
|
Vai
facer un ano que o Prestige se afundiu preto das
nosas costas, deixando unha enorme mancha de fuel
que chegou ata as costas galegas.
Coa
axuda dos voluntarios de toda España e incluso
doutros países, as praias galegas fóronse
recuperando pouco a pouco. Os/as voluntarios/as
quitaban todo o fuel que podían das praias; cando
marchaban pola noite dunha area, todo quedaba
limpo. Pero, cando regresaban á mañá seguinte,
todo volvía estar negro. Era coma se o traballo
do día anterior non servise para nada.
Algúns
pensan que, como xa pasou un ano, todo está
esquecido pero non é así: isto non se esquece
dun ano para outro.
O
presidente e outras persoas intentaron tapar o
asunto dicindo que non era tan grave e que todo
estaba arranxado, pero o barco segue no fondo do
mar con toneladas de fuel no seu interior.
O
sucedido co Prestige non se debería volver
repetir nunca máis nin en Galicia nin en ningún
outro lugar. Desgraciadamente seguirá sucedendo.
Deberían prohibir a navegación deste tipo de
barcos.
Inma
Hervés – 1º Bach. A – I.E.S. Aquis Celenis. |
|
Todos
sabemos qué foi o Prestige e cal é o seu
desastre. Se as mareas negras non son invencións
dos mariñeiros, están aí, nas nosas costas,
acabando cun ecosistema moi importante e
insubstituíble.
Este
desatre causárono uns homes moi avariciosos ós
que investir cartos nun petroleiro novo lles
producía moita perda e que usaron este barco
vello que, por mala sorte, lle tocou verter o
chapapote aquí.
Pero
o máis grave non foi o desastre en si senón que
as vilas costeiras, as máis afectadas, non hai
moito volveron votar polo PP, manténdose no poder
destas poboacións. Pregunta, ¿é isto normal? Nós
non lle vemos a lóxica, pois foi este goberno o
que mandou que o Prestige voltase ás nosas costas
cun número moi elevado de probabilidades de que
partise, e, claro, pasou o que tiña que pasar.
Eso si, don Diñeiro fai o que quere porque el é
o que manda. Outra explicación non ten que estas
vilas reelixisen este goberno.
Outro
punto importante son os voluntarios/as. Esta
palabra significa que a xente bota unha man sen
pedir cartos a cambio. A Xunta non debeu buscar
esta palabra no diccionario cando prohibiu que
xente viñese ás costas galegas a axudar. ¿Que
pasa?, ¿que se non producen cartos non poden vir
a axudar?. Despois queren solidariedae.
E
por último está a axente de arriba que nos di
que xa non hai chapapote nas costas, e nós, cómo
non, tragamos todo o que nos botan. Non sabemos ónde
van mirar se hai ou non chapapote, será á beira
dun río ou noutro lugar.
Alexandre Magariños Durán – 1º Bach. A –
I.E.S. Aquis Celenis. |
|
Despois
de tanto tempo, xa todos pensan que ós galegos
esqueceunos o do Prestige, pero non, non é así,
aínda o temos aí e non se nos esquecerá xamais.
Témolo presente nas nosas costas, nos nosos
alimentos do mar, ¿e que vai ser da xente que está
cobrando? Segue sen haber marisco e agora van
deixar de pagarlles. O presidente non fai nada ó
respecto e di que todo está controlado, pero o
barco segue debaixo, o chapapote segue saíndo,
segue nas praias, no mar. Case non hai marisco, o
peixe está contaminado na súa maioría e xa non
falemos das aves e de tantos animais que morreron
por culpa desta catástrofe, pero ós altos cargos
non lles importa, con tal de non comer peixe e
marisco das rías galegas xa o amañan todo, e os
que están afrontando as consecuencias somos nós,
os galegos e galegas.
Dende
o 13 de novembro Galicia tinguiuse de negro e leva
case un ano de loito, claro nos quedou que esto só
nos importa ós galegos/as, porque nos medios de
comunicación non sae nada, ¿por que?, porque hai
xente por detrás interesada en que non saia.
Nós
só pedimos que este día non se volva repetir,
que nunca máis nos volvamos poñer de loito por
Galicia e o noso lema sempre estará concosco:
NUNCA MÁIS.
Xa hai un ano que esto pasou pero nós ós galegos
recordarémolo toda a vida; non se nos borrará.
Foi e é unha ctástrofe irremediable, pero por
todo isto NUNCA MÁIS.
Anónimo
– I.E.S. Aquis Celenis. |
|
O
día 23 de novembro fai un ano que Galicia quedou
marcada por unha enorme mancha negra que, aínda
que moitos se empeñan en que a esquezamos, nunca
o faremos. Todos esperamos que esto non volva
pasar nin aquí nin en ningún outro lado.
Eu
creo que os galegos/as deberiamos estar todos/as
orgullosos/as xa que todos xuntos e mailos
voluntarios que viñeron de moi diversos países
conseguimos limpar o fuel das nosas praias. Pero
non só nos afectou a nós senón que a peor parte
a levou a maioría da fauna mariña.
As
causas deste aínda non están claras xa que
os políticos se empeñan en dicir que foi un
accidente porque son moi orgullosos para recoñecer
que a culpa foi súa, non vaia ser que despois non
gañen as eleccións. O que pasa é que non se dan
de conta de que hai máis cousas importantes có
orgullo de cada un.
Para
todos menos para eles isto foi unha gran traxedia,
e eu penso que máis para os mariñeiros que
perderon o seu traballo durante un tempo.
Se
agora as praias están máis ou menos limpas, que
os políticos non pensen quefoi gracias a eles senón
ós milleiros de voluntarios/as galegos/as e de
moitos outros países, xa que os políticos non
fixeron nada por axudarnos. O único ó que se
dedicaron foi a saír na televisión e a dicir
catro palabras para quedar ben diante de todos,
pero da forma en que de verdade quedarían ben sería
axudando a limpar o fuel.
Despois
dun ano ninguén se esqueceu do Prestige e pase o
tempo que pase, ninguén o vai esquecer. Como
todos/as xa sabemos: NUNCA MÁIS
Sandra Sueiro Otero – 1º Bach. A – I.E.S.
Aquis Celenis. |
|
Agora
que pasou un ano, recordamos esa catástrofe que
asolou as nosas costas. Aquel día que escoitamos
que un barco cargado de petróleo tiña unha greta
e estaba nas nosas fermosas costas. Eu ó
principio non lle fixen moito caso porque qué ía
facer un barco no medio do mar, pero logo cando
vin aquelas manchas negras que se acercaban ás
nosas rías, empeceino a tomar en serio e vin que
aquilo era algo perigoso.
Eu
a culpa bótolla á falta de experiencia porque qué
faría aquel barco de arriba para abaixo polas
nosas costas. Ninguén sabía qué facer. O máis
fácil sería metelo no porto da Coruña pero qué
diría a xente desa cidade e ó final acabou
protestanto toda a costa galega.
Agora
hai que pensar nesas persoas, neses mariñeiros
galegos que non teñen que pescar porque todo o
fondo mariño está destrozado, e todas esas aves
que eran brancas e logo acabaron negras.
Nos
que vivimos alongados da catástrofe non notamos
tanto pero tiñámonos que poñer na pel dun mariñeiro
para sentir o que é a verdadeira dor da catástrofe.
Nós dende aquí só podemos protestar pero eu
pediríalle á xente que pode facer algo que o
fixera, e ta que non o fagan, nós diremos NUNCA MÁIS.
Sergio Cancela Bugallo – 1º Bach. A –
I.E.S. Aquis Celenis. |
|
Está
a punto de cumprirse un ano dende que se afundiu o
petroleiro nas nosas costas. O desastre do
Prestige trouxo consecuencias nefastas para todos,
pero sobre todo para os mariñeiros/as xa que, sen
dúbida ningunha, o mar foi o máis prexudicado.
Ademais, milleiros e milleiros de especies mariñas
morreron, e iso non se recupera tan facilmente.
Por
iso, queremos:
Dar
manifesto dos ineptos que foron os que gobernan
porque no seu momento non fixeron nada polas nosas
costas.
Que
os gobernantes se dean de conta de que isto pode
volver suceder porque os petroleiros seguen
pasando polas nosas costas sen o dobre casco, e
iso si que sería difícil de remediar. As praias
aínda se están recuperando do sucedido o 13 de
novembro do ano pasado.
Que
se inicien investigacións e se busquen os
culpables para que non volva acontecer unha catástrofe
semellante.
E
por último, queremos dar gracias a todos e todas
os/as que se solidarizaron con nós porque, se non
fose por eles, non seriamos capaces de recuperar
as costas que tanto apreciamos.
Rosa
Mª Gómez Rodríguez - 1º Bach. "E".
– I.E.S. Aquis Celenis
subir
|
|
2º
BACHARELATO |
|
O
mar de Galicia, o noso mar, manchado xa está,
polo afundimento dun barco que o 13 de novembro do
2002
manchou de tinta as nosas vidas, a nosa terra.
Unha tinta que será difícil de limpar
xa que no interior do noso corazón
sempre persistirá.
O Prestige levou con el ó fondo do mar:
os nosos peixes, as nosas rochas, o noso traballo,
a nosa ilusión
e, sobre todo, gran parte do noso corazón.
O traballo de limpeza xa feito está
pero aínda queda un traballo máis duro:
devolver á nosa Galicia o esplendor do seu mar.
As praias negras quedaron nun momento,
despois de moito traballo xa se lles ve a súa
maxia
pero non sorrín da mesma maneira
que cando non tiñan esa cor negra.
E aínda nos preguntan qué máis podemos pedir
agora,
despois de que todo xa “pasou”,
pois pedimos moi pouco, moi pouco para nós,
todo o que queremos é que nos dean a razón.
Que Galicia xa non é a mesma,
que non se burlen do traballo que xa está feito,
que moita xente deixou o seu fogar
para vir a Galicia tan só a limpar.
Moitos voluntarios que non recibían nada a
cambio,
só un vaso de auga e un pratiño de caldo.
A todos eles deberíaselles de dar as gracias;
gracias, gracias por limpar as nosas praias.
Pedimos que isto non se acabe aquí,
que aínda hai traballo que facer
un traballo que levará moitísimo tempo,
como é o de devolver ó mar toda a riqueza que
perdemos.
Pedímoslle a toda a xente
que isto non volva a suceder,
que a súa terra é a que nos viu crecer,
non permitades que vola ensucien,
e loitade, loitade polo voso pasado, polo voso
presente
e polo voso futuro
porque, se non, si que algún día se acabará o
mundo.
Galicia sempre vos acollerá
con cariño e simpatía
porque todos axudastes a que as costas galegas
volvan ser as mesmas algún día.
¡Gracias ós/ás voluntarios/as!
Lorena Búa Nieto 2º Bach. A
I.E.S. Aquis Celenis
|
|
Xa
vai un ano dende que todos/as botamos as mans á
cabeza e se nos puxo a pel de galiña ó vermos as
imaxes do, sempre, ata daquela, transparente e
rico mar da nosa terra tiguido do veleno
descargado por ese inopourtuno náufrago que
todos/as sabemos.
Todos/as
nos decatamos, co paso dos días, da gravidade do
asunto. Despois do impacto inicial, tivemos tempo
para reflexionar, para pensar nesas familias das
que a súa vida dependía do que agora se
convertera nun inmenso manto negro que cubría a
nosa costa. E... ¿de quen é a culpa? De contado
chegaron as mentiras, a falsa tranquilidade, o
quitarlle importancia a tremendo desastre.
Podo
asegurar que algo me rebulía no estómago cando vía
a desesperación e indignación dos mariñeiros/as
que observaban cómo a medida que pasaban os días
a negrura se apoderaba do seu único medio de
vida. Pero afirmo coa mesma seguridade que me
volveu rebulir, ou máis ben esta vez, revolvéuseme
de mala maneira, cando o 25 de maio pola noite
chegaban os últimos resultados das eleccións.
¿Que
fora da rabia e indignación do pobo? Despois da
clara incompetencia que nos demostraron esesas señoresas
ós que lles tocaba facer algo, ¿que pasara? ¿De
verdade vos fixeron calar con catro pesetas?
Daquela
foi cando fuxiron todas as esperanzas creadas algún
día chuvioso entre berros enfurecidos de
"INCOMPETENCIA" e de "NUNCA MÁIS"
que saían das bocas de millóns de persoas. A ira
que reinaba sobre o que parecía a "maioría"
tornou unha vez máis diante das urnas e volveuse
apoiar ós que, escasos meses antes, quedaron de
brazos cruzados ante o desastre; volveuse botar
unha man ós que nos deixaron nus ante o noxento
chapapote; como parvos volveuse votar polos
mentireiros/as que se mofaron de nós canto
quixeron. ¿Que pedir entón? ¿Que esperar cando
na vila máis afectada polo cargamento acadan
maioría absoluta os que non souberon (ou
quixeron) actuar perante o que estaba pasando?
Todos/as
puidemos comprobar as consecuencias do naufraxio,
o desatre ecolóxico que supuxo: milleiros de aves
e peixes mortos, as costas galegas totalmente
esnaquizadas polo fuel, morta a fermosura das
nosas praias...; o golpe á economía de Galiza,
que se basea en gran parte nas actividades do
sector primario como a pesaca e a agricultura;e,
dende logo, o impacto na vida de todas esas
familias ás que o Prestige lles afectou
directamente.
Foi
incrible a mobilización que se levou a cabo. Os
milleiros de voluntarios/as que axudaron a limpar
as praias, lembrando, iso si, os máis escasos
medios debido á inexistente ou mínima colaboración
do goberno; a magnitude das manifestacións en
santiago e en Madrid, etc.
Parecía,
xa que logo, que o pobo estaba unido e de acordo
con darlle o ben merecido escarmento ós que non
asumiron as responsabilidades correspondentes.
Pero, unha vez máis, á hora da verdade deixáronse
enganar con catro bonitas e falsas palabras.
¿Espertarse
algún día? ¿Abriranse os ollos dunha derradeira
vez para contemplar a verdadeira realidade? Son
preguntas que xa levo feitas centos de veces e aínda
nunca me chegou ningunha resposta afirmativa. Aínda
así, gardo un chisco de confianza. Agora, tamén
outra cuestión que todos/as debemos formular é
¿estamos a salvo doutro posible Prestige?...
Algunhas
e algúns non esquecemos e seguimos a berrar con
tanta forza coma sempre ¡¡¡¡NUNCA MÁIS!!!!
Laura Blanco Antón 2º D - I.E.S. Aquis
Celenis
subir
|
|
|