|
A
esperanza de Celtia e Cecilia. Por Marcos Valcárcel.
Galicia
Hoxe 18/11/2003
Hai
un ano pasou o que pasou. A traxedia dun barco
cheo de velenos, triste mostra dun
paleocapitalismo internacional salvaxe, afundiu a
Galiza nunha das súas máis graves crises. O país
contou entón coa solidariedade de milleiros de
voluntarios chegados de todas as partes e co
nacemento dunha inmensa forza social que esixía
algo máis que propaganda e mentiras contra a catástrofe.
Un ano despois xúntanse en Compostela sesenta,
oitenta ou cen mil persoas, moita xente que non
quere esquecer nin resignarse. Acoden familias
enteiras cos seus fillos, xente moi nova, expresión
lúdica da rebeldía da mocidade.
Entre eles estaban Celtia e Cecilia, dúas rapazas
que leron un texto para expresaren os seus
sentimentos. Puideron ser outras, pero elas fixérono
de marabilla. Falaron do que queda por resolver da
traxedia, do esforzo xeneroso dos voluntarios, da
nosa débeda coa natureza que nos acolle, e
dixeron que todo o ouro do mundo non é abondo
para mercar ideas tan fermosas como a liberdade e
a dignidade. Sintetizaron nas palabras xustas o
espírito que moveu hai meses a sesenta mil mozos
a formar a gran cadea humana da Costa da Morte.
Ás veces os profesores mandámoslles ós alumnos
facer unha redacción de tema libre. De forma
libre e espontánea, a inmensa maioría da clase
adoita escoller un tema relacionado co respecto ó
medio natural e á loita contra a degradación da
Terra. Un dato que marca o futuro: nin deben nin
poden ignoralo os que queiran dirixir este país.
|