MANIFESTO DA COORDENADORA DA MARCHA MUNDIAL DE MULLERES DE BERGANTIÑOS

 

A Costa da Morte, de Soneira e de Bergantiños están tinxidas de negro. Negras son tamén as lágrimas que mulleres e homes destas terras e de todo o pais tragamos de raiba e impoténcia. Galiza toda está de loito.

A do Prestige é a crónica dunha morte anunciada. Unha história de morte que se ven repetindo cada certo tempo, inexorabelmente. Denuncia-se unha e outra vez, de forma recurrente pero nen as leis nen os lexisladores, nen os que teñen o poder de cambia-lo escoitan. Igual sucede coa violéncia contra as mulleres.

Este é tamén un acto violento, unha agresión e, igual que ocorre coa violéncia contra as mulleres, é froito dun sistema económico, político, social baseado na dominación e que se sustenta no uso, abuso e expólio dos RECURSOS. Un sistema agresor que conduce á desaparición e á morte destes recursos: á morte da terra, do mar e das mulleres. Nen as mulleres, nen a terra, nen o mar somos impunes porque o que se está poñendo en perigo é o futuro, a vida mesma. Camiñamos cara a un património particular de ninguén. Non somos recursos inesgotábeis dos que se poida abusar unha e outra vez sensentido de guerra e violéncia e cómpre cambiar de rumo xa.

Tinxiron-nos o pan e as rosas de negro. Contaron-nos mentiras e moitas. Histórias, contos. E na Nosa Terra hai tradición de contos. Pero contos hai moitos e de castes ben diversas.

Nos meios de comunicación este dias puidemos escoitar moitas destas "histórias" que poderiamos clasificar en diversas tipoloxias:

  • Contos de desaparecidos. Aqueles protagonizados polo Governo Galego, con Don Manuel á cabeza. E aqui a história torna-se ben curiosa pois ve-se claramente cómo os RESPONSÁBEIS se afanan en buscar chivos expiatórios. Porque, vós de quen pensades que foi a culpa, do capitán do barco?, do armador?, de Xibraltar? (é dicer, do Inglés), do tempo ou da mala sorte?

  • Contos de auséncias e esperas (como a de Penélope agardando por Ulises): aqui os protagonistas son os ausentes: os meios de prevención (remolcadores, barreiras...), os meios técnicos de loita contra a contaminación (quen debe limpar?, con que? a onde se leva o material tóxico?). Todo o mundo agarda a que veñan, agás as autoridades que agardan pola deusa Fortuna, esta, por certo, tamén desaparecida.

  • Histórias de afogados: xa o diciamos antes, cada dez anos, mais ou menos afoga un barco que transporta materiais tóxicos e perigosos perto das nosas costas, pero, ante o grande negócio das multinacionais, quen non faria a vista gorda?.

  • Histórias de sereas ou mellor dito, de "cantos de sereas", promesas de "reestructuración" do noso sector pesqueiro e marisqueiro que non son outra cousa que o seu progresivo desmantelamento. Aqui desaparece un problema ben embarazoso para os nosos governantes pois o Prestige fixo xa o traballo suxo.

E fronte a estas macabras histórias, están aquelas outras que, sobre todo as mulleres, teremos que inventar para facer mais levadeiro o dia a dia, para ver de chegar a fin de mes, para pagar hipotecas, impostos, e ver que pasa dentro de seis meses cando se deixe de cobrar a miséria oferecida por Rajoy, se se cobra algun dia. Porque ser, seremos boas administradoras pero cos 40 Euros prometidos, as contas non dan. Despois de 10 anos empezaron-se agora a cobrar as indemnizacións polo Mar Exeo, e ainda hoxe están sen cobrar as que se concederan hai 2 anos cando o temporal obrigou a ter amarrada a flota pesqueira.

Tamén teremos que inventar histórias para que as nosas fillas e fillos nacidos e por nacer coñezan os araos, os mascatos, os corvos mariños, os mazaricos, as píllaras e becacinas, e tantos outros que, de paso, ou invernando nas nosas costas cairon atrapados no chapapote. Anos tardarán en formar poboacións estábeis por aqui.

Esta é a história da NAI TERRA agredida e vítima mais unha vez, como o son as mulleres ás mans dun poder con rostro masculino. E para responder ás agresións non só temos as histórias, a palabra, mais tamén temos a ACCIÓN.

Imos ser quen de quitar-lle o negro chapapote ao pan e ás rosas, de construir FUTURO E VIDA. Porque outro mundo si é posíbel.

 

 

Pechar           Imprimir

- - coordenadora de ensino areanegra - -