O ESPÍRITO DE SEATTLE(Coordenadora de ensino Area Negra)
Unha, que pasou media vida correndo diante dos grises reivindicando os Dereitos Humanos, e outra media loitando contra as mamonadas loxeiras do Ministerio de Educación e a súa sucursal en Galicia, a Consellería de don Celso Currás das Ciencias Infusas, confesa, que disfrutou arreo no acto cívico organizado pola Coordenadora de Ensino Area Negra. Ao meu IES tocoulle no alto da Praia do Trece e fomos no coche de San Fernando, dende Santa Mariña á praia, e dende a praia ata Camelle. Pero pagou a pena participar nun acto sen precedentes históricos no mundo enteiro, malia as maniotas subxacentes, formando parte dunha pacífica cadea humana de 50.000 estudiantes de FP, ESO, Garantía Social, Educación Especial e Bacharelato, dende Laxe a Muxía, para protestar pola catástrofe ecolóxica do Prestige. Foi moi emocionante escoita-las voces signadas dos estudiantes xordo-mudos, e ve-los neniños/as de Preescolar e Primaria, que non podían participar na manifestación, diante das Escolas Rurais e nas beirarrúas das estradas, formando as súas propias cadeas/protesta, aplaundindo a rabear ao paso da caravana de 900 autobuses de coleguiñas de Secundaria... Cabe subliñar que, as respectivas inspeccións educativas, fixeron todo o posible para aborta-la manifestación; non só obrigaron aos directores dos centros educativos, e profesorado participante, a asumi-la responsabilidade civil en caso de accidente, senón tamén que presionaron aos encargados do transporte escolar... As ameazas xunteiras foron, quizais, o mellor antídoto para sumarnos á protesta estudiantil. As estatísticas me remito: 3000 profesoras/es puxeron orde ás arroutadas de 50.000 xoves preadolescentes e adolescentes galegos.... Anda que lles dean aos políticos que seguen a pensar que Galicia é un feudo popular, de aí que o executivo de Aznar veña a María Pita a face-la foto electoral. Que segan a discutir pola dimisión de Cuiña e do bo facer de don Manuel. Nós pasamos da boina de Cuiña: o holding de mamá Isolina dá para moitos sombreiros, e as normas e medidas impostas pola Xunta de Galicia para face-la carpintería de aluminio das obras públicas ¡tamén! A xuventude galega demostrou coa súa cadea humana de 40 Kms, que termos un futuro solidario, mal que lle pese ao governo central e autómico. O espírito de Seattle está servido en Galicia. En fin, voume para o Parrote, a facer un consello de ministros paralelo ao de Aznar, con máis de 5000 conselleiros de Nunca Máis e Burla Negra, xa que as Forzas de Seguridade do Estado non me deixaron entrar na miña propia casa: na praza pública de María Pita e no Concello socialista de A Coruña. Manda truco na Habana. Paquiño, desta si que te pasaches...
Fina Roca, profesora de secundaria. A Coruña.
|
- - coordenadora de ensino areanegra - -