A SEÑORITA ROTELMEIER NON IRIA Á CADEA HUMANA, MARY POPPINS, SI.

 

E por suposto, o mestre de Pardal, o da língua das bolboretas, tamén iria coas suas alumnas e alumnos entrelazar as suas mans entre Laxe e Muxia. E tamén o Señor Kiping, o profe de literatura do Club dos poetas mortos, que soñaba con Walt Whitman, e a liberdade de expresión E se estudiasen secundária, a imparábel Pippi Calzaslongas, ou Songoku na sua nube voadora ou Xabarin, o indomábel, cos seus colegas, ou mesmo a pija Candy Candy, tamén xuntarian as suas mans o 22 de xaneiro na Costa da Morte.

Non sabemos que faria Barby, se estudiase nun dos nosos centros de secundária. Ao mellor tamén se apuntaba, expoñendo a sua permanente, a minisaia chic e a maquillaxe de fantasia á intempérie da Costa da Morte. Mais a realidade supera a ficción. E nós somos de carne e óso. E sabemos mirar-nos aos ollos coa rábia e a sinceridade dun pobo que sofre. E as nosas alumnas e alumnos queren viver como protagonistas unha das experiencias cívicas máis importantes da sua e da nosa vida. E aportar a forza e as ideas da sua xuventude contra o chapapote nas praias e nos cons, e o ghalipote mental e o piche dos despachos dos que nos gobernan.

Somos moitos e moitas quen queremos participar. Ao comezo iamos ser vinte mil. Logo, vintecinco. E agora xa chegamos aos corenta mil, a unir dous puntos de mans dadas entre o noso presente e o noso futuro. Ninguén nos pode parar. Somos moitos e moitas. E como din @s de Area Negra, somos Mar e somos Terra.

O mundo educativo galego está a conformar-se como un exemplo de compromiso educativo. Esta é a mellor forma de aprender valores e actitudes cara á conviéncia social, cara ao ecoloxismo e cara a unha cultura da participación e a cultura da cooperación. E asi é como de forma extraordinária a educación pode por-se realmente ao servizo do futuro. A Cadea Humana que está a organizar a Coordenadora de Ensino Area Negra concentra várias raíces de interese:

  1. Un interese educativo fundamental:
    Porque é fundamental para nosa mocidade APRENDER dos sucesos que estamos a viver neste momento histórico: coñecer a situación; analizar o que está a sucedecer a nível ecolóxico, económico e social; saber e aprender cos pés na terra.

  2.  

  3. Participación cidadá.
    Porque é necesária a cooperación e a participación directa de toda a comunidade escolar para APORTAR entre todos e todas, desde as aulas e desde a sociedade, o noso gran de area. De area negra.

  4.  

  5. Criatividade.
    Porque a enerxia criativa da mocidade é transfomadora e a educación pode transfomar o futuro mellorando-o. Porque todos e todas somos criador@s de soños e productores de realidade.

  6.  

  7. Liberdade:
    Porque queremos viver o noso direito a expresar-nos libremente, a erguer a nosa voz e xuntar as nosas mans manifestando coa nosa preséncia sobre os camiños de terra a nosa oposición á morte, á destrucción e á incompeténcia.

  8.  

  9. E compromiso social.<> Porque formamos parte dunha sociedade que está a viver unha crise e cumpre ter unha ollada crítica. Porque queremos ser cidadás e cidadáns activos, e necesitamos que a mocidade aprenda a exixir e a recoñecer a manipulación mediática, a incompeténcia das administracións e as sombras da nosa sociedade.

  10.  

Quen poderia soñar que a comunidade educativa poderia respostar ante esta agresión á Galiza cunha manifestación de compromiso social formando unha Cadea Humana que até o momento conta con case 40.000 participantes?
A realidade supera a ficción.
E, ollo, quen poderia soñar que a resposta dalguns sectores -a través de determinados méios de comunicación-, diante de tan sincera demostración de unión, seria a terxiversación dun acto educativo protagonizado pola forza criativa do mundo do ensino, considerando-o un acto de "manipulación da mocidade" ou "soflama política" con intereses partidistas?

A realidade supera a ficción.

Nós mesm@s.

Supercalifraxilistipuesticoalidoso!
Sapo!, Tilonorrinco! Iris!
Por un ensino activo, vivo e de futuro! De tod@s e para tod@s!
Adiante!
E Nunca Máis!

Séchu Sende, profe.

 

Pechar           Imprimir

- - coordenadora de ensino areanegra - -