REDES NA MARÉ NEGRA
Hoxe Galiza é unha rede do tamaño do mundo, unha irmandade popular de mariñeiros en loita contra un monstro descomunal de alcatrán e censura, contra unha besta apocalíptica de cinismo e brea, cobra cósmica de piche e de mentira. Temos ben afirmado nas mans o aparello cosido entre todos os galegos e galegas, que todos somos mar, e através dese tecido de esperanza feramente democrática andamos a camiñar en ouveo dramático, en balbordo de noticias espantosas, en brado de xustiza. Cae na rede o chapapote como cairán os gobernos responsábeis desta traxédia, que non foi causa de catástrofe natural, destino cíclico dun pobo debruzado sobre os precipicios da fatalidade, senón consecuencia de escuro comercio: o dos negocios clandestinos que deixaron ao garete un barco de boca aberta en agónico vómito infernal sobre a liña frouxa do horizonte e sepultaron logo un cadáver preñado de terror a 3.600 metros de fondo. A bomba do Prestige ficou activada en estado de permanente erupción, veleno letal fronte ás costas de Galiza. Contra esas armas do terrorismo de estado neoliberal temos unha rede nosa feita de indignación, corcosida aínda e por moito tempo cos fíos da tristura pero asentada no chumbo do labor comunal, da común vontade do pobo fronte ao poder inicuo dos seus gobernantes, fronte ao cinismo infinito dos presidentes, ministros, delegados e conselleiros do Partido Popular, fronte a mentira como estratexia propagandística e única norma moral, que paralisou toda acción preventiva do pobo contra os avances da maré negra. Pero nós temos unha flota explosiva de mariñeiros en armas de verdade, con aparellos de fantástica tecnoloxía punta, a raiba e o ganapán a bordo das planeadoras, a fraternidade e a culler dos barcos dos bateeiros, un símbolo novo de Galiza a apañar veleno mentres os gobernantes da Xunta se enguedellan na pelexa polo poder nas súas leiras miserentas de ambición conselleril ou pernoctan en hotel de cinco estrelas antes do exercicio cinexético menor. Os outros, os de España, entréganse á caza maior, como corresponde á xerarquía de rango principal. Nós, aquí, estamos organizados para a pesca oceánica do chapapote, esa palabra que lles parece tan graciosa, preparados para unha faena que nos devolve conciencia de nós, malla ancha e firme que se chama Galiza e medra en tamaño interior, de Ortegal a Cabo Silleiro, do Caurel a Compostela. A Compostela levamos o primeiro de decembro de 2002 unha rede de multitude en combustión algareira e aquel océano de escuma encheu dez veces a enseada do Obradoiro en rebeldía de ondas a bruar e a resaca levaba o remuíño dos corpos acesos en ira feliz outravolta contra as furnas da Praza de Fonseca e das fontes da Alameda continuaba a nacer xente en enxurrada que nunca esmorecía. A xente, o pobo de Galiza en representación unánime, bruaba contra o chapapote da política ignominiosa do PP. E os berros foron clamor transparente que continúa a ecoar e se renova en cada rúa, en cada casa, en cada praia, en cada barco: ¡dimisión!, ¡dimisión!, ¡dimisión!. Esiximos a responsabilidade política e penal dos presidentes, ministros, delegados e conselleiros dos gobernos do Partido Popular. E agora somos todos maré chea contra os cantís da manipulación informativa, contra a pedra seca da censura, vello oficio franquista, hábil labor de información e turismo, contra o desprezo manifesto do goberno de Madrid e a súa sección noroeste por este pobo que todo é mar e como mar brúa e non se somete. Que non se somete. Que cando a pinga derradeira do piche reborda os canles da indignación contida medra en nós un facho de flor irmandiña. E agora o facho é rede unánime extendida desde o curuto soberbio de Cabeza de Manzaneda aos cantís calcinados de Touriñán, desde a praia de Soesto acoitelada en negro até os últimos niños da luz na Devesa da Rogueira. E a rede somos nós, que todos somos mar, e a vontade nosa de vencer na batalla do chapapote significa gañar tamén a guerra política contra un poder enlamado na visguenta maré negra do beneficio contábel como único obxectivo. A rede deles, as artes ilegais da arañeira caciquil, comeza a rachar aquí e acolá contra os cons da conciencia popular. A nosa é un aparello de futuro, tecnoloxía punta da vontade colectiva, e está a ser cosida entre todos os galegos e galegas, que todos somos hoxe mar insubmiso contra a maré negra do rumbo criminal do Prestige en mans dos gobernos do Partido Popular. E a rede somos nós. XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO (Publicado en FARO DE VIGO, 12-12-2002)
|
- - coordenadora de ensino areanegra - -