EDUCACIÓN CONTRA O CHAPAPOTE

A maré negra que apodrece as nosas costas poderia ser unha cruel metáfora dese outro cancro, tamén negro, que devora o noso país. Os petroleiros, xa o dicia Cunqueiro, son o Leviatan moderno, o monstro mariño que pasea impunemente a sua ameaza contaminante fronte ao litoral galego. As suas barrigas (hoxe chamadas depósitos ou adegas) están cheas de podrémia e morte, pero, que hai nas suas cabezas?. Nada, os petroleiros non pensan. Son bestas sen consciéncia movidas a distáncia por cerebros tan escuros como o chapapote. Cerebros que tecen unha rede do mal, o lado escuro do universo. Cerebros con nomes e apelidos, ainda que muitas veces non os saibamos nomear. Os cerebros do mal están nas multinacionais preocupadas unicamente por conseguir maiores benefícios ainda que sexa a costa de arrasar paises, están nos governos títeres que lonxe de defender aos seus pobos actuan como valedores dos intereses económicos empresariais, están nos responsábeis duns médios de comunicación sumisos co poder e dispostos a criminalizar e difamar calquera oposición.

Os mesmos que permitiron que o Prestige verquira a sua morte negra enriba de nós, dispoñen-se agora a levar máis morte e destrución a outros pontos do planeta co único interese real de obter o control absoluto sobre a produción do petróleo. E mentres o mar galego agoniza co fuel, a pantasma da guerra paira sobre o Iraq ao tempo que en Venezuela perpetran un golpe de estado petroleiro.

O prestige é só un síntoma, o mal é muito máis grave e grande. O mal está nun país indefenso. Nun país que non ten governo ou o que é pior, que ten un governo que o quere destruir. Unha Xunta de Galiza que é tan só a correa de transmisión do Governo de Madrid, que é incapaz de tomar decisións para defender o noso mar, a nosa terra... a marea negra estivo na crise das vacas tolas, está no desmantelamento dos sectores productivos, nas redes caciquís dos mercachifles dos votos, na privatización da sanidade pública... e tamén é maré negra a sua política educativa.

O desvio de fondos para os centros privados en detrimento dos públicos, as sucesivas reformas educativas non son casuais. Eles, que saben que a educación é unha arma, queren seguir sendo a elite culta, preparada, educada, capaz de dirixir, manexar e manipular a unha cidadania inxénua. Ese é o seu concepto de democrácia. Saben que unha sociedade culta non se deixa enganar facilmente polas suas mentiras e as andrómenas dos seus médios de comunicación, saben que unha cidadania educada é máis crítica, máis libre e máis exixente. Por iso, os mesmos que permiten hoxe a morte das nosas costas, levan anos enchendo de chapapote o mundo do ensino.

A educación é un dos seus pesadelos, porque saben que é unha das armas máis eficaces para vencé-los.

Como poderán eles controlar mañá a unha sociedade se hoxe se educa na ecoloxia, no feminismo, no antimilitarismo, na dignidade, na rebeldia?

Non vos queren educar para ser libres. Alfabetizad@s, tal vez si, pero sumis@s e caladiñ@s.

Saben, e por iso vos teñen medo, que cada unha de vós educada na liberdade pode ser mañá a area negra que faga parar as engranaxes da sua máquina de producir o chapapote negro do fascismo...

Begonha Caamanho

 

 

Pechar           Imprimir

- - coordenadora de ensino areanegra - -