|
|
novas
de www.vieiros.com
ACTIVIDADE
EDUCATIVA DE AREANEGRA
De
Compostela ao Cebreiro: hai outros camiños
[22/04/2004
12:32] Máis dun milleiro de escolares de toda
Galiza percorren esta mañá o Camiño de Santiago ao revés,
desde Compostela ata O Cebreiro, como parte dunha
actividade educativa organizada polo colectivo de ensino
Areanegra. O obxectivo da xornada é reivindicar que
"hai outros camiños posibeis, outros mundos
posibeis". Está previsto que todos os grupos cheguen
ao Cebreiro arredor das tres da tarde. Alí terá lugar un
festival no que actuarán, entre outros, Carlos Santiago,
Berrobambán, Belmondo, Os Ghamberros e as caboverdianas
de Burela.
Anteriores:
CONVOCADOS
POR "AREANEGRA"
Escolares
de toda Galiza farán o Camiño de Santiago ao revés
[19/04/2004
19:01] Máis de 1.500 rapaces e rapazas de arredor
de 20 centros de ensino de toda Galiza van percorrer o
Camiño de Santiago ao revés, desde Compostela ata O
Cebreiro, para reivindicar "que hai outro mundo
posíbel, que hai outros camiños". A actividade
educativa, organizada pola coordinadora de ensino Areanegra,
terá lugar o vindeiro xoves, día 22 de abril, aínda que
cada centro leva traballado nos temas propostos desde hai
varios meses. Cada grupo camiñará en treitos de entre
seis e sete quilómetros e, posteriormente, transladaranse
en buses ata O Cebreiro para participar nun festival no
que participarán, entre outros, Carlos Santiago,
Berrobambán, Belmondo, Os Ghamberros e as caboverdianas
de Burela.
Os
obxectivos que se pretenden con esta actividade son:
-
Descubrir e desenmascarar as inxustizas dunha realidade
herdada, identificando os mecanismos que as desencadean e
perpetúan.
-
Tomar conciencia de que a sociedade e os seus muros non
son inamovíbeis e de que outro mundo é posíbel, baseado
este no respecto aos dereitos humanos, na convivencia
pacífica e na defensa da natureza.
-
Sensibilizar os alumnos e alumnas para seren partícipes e
protagonistas dos cambios da súa sociedade, sendo o seu
destino abrir outros camiños.
Para conseguir isto, os centros levan traballando varias
semanas na identificación deses "muros a
derrubar" e das actitudes e accións necesarias para
facelo.
Unha actividade realizada "a contracorrente por unha
mocidade crítica, viva, rebelde, que non quede axeonllada
ante os abusos imperialistas, asasinatos de Estado, saqueo
de pobos, contaminacións ou a perda de identidade
cultural...Saiamos aos camiños e recibamos aos pobos que
veñen ao noso país. Amosémoslles que queremos xa ese
outro mundo!. Un mundo que non sangre de fame, un mundo
que non chore metralla, un mundo que non esté de costas a
súa xuventude. Derrubemos en definitiva todos os muros
que queren impedirnos o paso". |