Un día o frade namorado acabou o libro, que leu durante séculos. Así de longo era, e malia a letra miúda, había chegar á última folla algún día. Esa noite o frade espreguizouse , mirou a lúa da Quintana e sentiuse extático, San Amaro ou Rip Van Winkel. Miope, cansou de ler ás escuras e de aturar turistas. Guindou o libro e mirou a xanela de San Paio, por última vez. Foi entón que desapareceu a sombra do frade namorado na Quintana. Marchou do curruncho, silandeira, porque sempre tivo a ilusión de facer o Camiño desde Compostela para atrás. O frade que lía na Quintana liscou ao fartarse de traballar de balde para o Concello e de que os turistas lle viñeran ao recanto e ningún fose á cela de san Paio a ver se ela seguía alí, doce, mirándoo ler. O frade colleu a sombra e foi desandar o Camiño, choroso, só, sen lenda. E en Leboreiro, sentiu unha voz de cadeas pedindo por seguiren xuntos. Prisciliano, que remexeu os ósos enfadado no sartego da Catedral polas horas en que a sombra do frade lendo fuxía da Quintana, tamén quixo andar do revés a ver se atopaba ao Santiago de verdade (tránsfuga, covarde) e o convencía de que aturase el xaponeses, cóengos e historiadores. O problema foi que nin así se libraron dos turistas, que tamén hai contraperegrinos que fan a rota andando cara a Francia, e as dúas fantasmas cansas, abouxadas polo ruído e polos flashes, quixeron marchar aínda máis lonxe. Porque Prisciliano nunga navegou e porque o frade leu moito, foron de cara ao mar. Quizais en Avalón; ou quizais na Illa dos Amores, que quería o frade; quizais nas Cotovías. Marcharon coa ilusión dos que queren ser felices. A ver se así.
Inma López Silva (Minirelatos: Cartabón). |
||
|
- - coordenadora de ensino areanegra - - |