|
Ciencia e Relixión: Unha proposta educativa. Somos
un grupo de docentes de todos os niveis educativos que estamos moi
preocupados polo baixo nivel cultural da nosa sociedade, os altos índices
de fracaso escolar e a proliferación da tele-lixo. Para
saír desta situación queremos traspasar os muros das escolas, os
institutos e as universidades, levando a cultura e a educación a ámbitos
en que até estas datas estivemos ausentes, nen que a nosa deixadez privou
a moitos cidadáns e cidadás do dereito universal á cultura. Como
primeiro paso, queremos chegar a un acordo coas autoridades eclesiásticas
para que nos cedan un dez por cento do tempo das misas co fin de que
profesorado especialista nas distintas disciplinas poidan chegar máis
facilmente aos crentes mediante breves intervencións didácticas. Estamos
estudando cal sería o momento idóneo para insertar nas misas contidos
científicos e culturais, tal vez inmediatamente despois da consagración
ou xusto antes do padre nuestro. Está
claro que algúns fregueses poderían, con razón, obxectar que eles non
teñen por qué aumentar os seus coñecementos nin a súa cultura, xa que
acoden á misa co fin único de orar e escoitar a palabra de Deus. Para
solucionar este problema, aínda que puidera parecer inconstitucional, á
entrada da igrexa fariamoslles
cubrir un formulario para que manifestaran a súa preferencia pola relixión
ou a cultura. Unha
vez identificadas estas persoas, poderían abandonar no momento adecuado a
nave principal da igrexa e reunirse nas capelas laterais, a cripta ou o
salón parroquial. Co fin de evitar agravios, estas persoas poderían
recibir durante este rato charlas de carácter non cultural nin educativo
pero moi relacionadas cos contidos que se estean a impartir nese intre ao
resto dos fieis dende o altar. Por
exemplo, os fregueses que non queiran repasar a táboa periódica, estudarán
os efectos perniciosos dos colorantes alimentarios; os que non queiran
facer exercicios de educación física poderán ver un documental sobre a
obesidade; e os que non queiran repasar os verbos irregulares ingleses
poderían estudar estatísticas sobre a importancia de falar idiomas no
mundo moderno. Os
bispos xa nos adiantaron que non habería problema en computar o tempo de
calquera destas actividades co tempo equiparable ao adicado a escoitar a
palabra de Deus, á oración, á contemplación, á penitencia, ou á
caridade, e en ningún caso poderá discriminarse o acceso á salvación
eterna aos fieis en razón ás súas preferencias relixiosas ou
educativas. Tampouco
puxeron a máis mínima obxección á aparente contradicción derivada de
que o contido das misas estea baseado na fe e as crenzas, en contraste coa
natureza científica e académica dos contidos que habitualmente
impartimos nas aulas. Nun
primeiro momento, as clases impartiríanse só durante as misas
obrigatorias dos domingos e festas de gardar, para máis adiante
estenderse a outros actos relixiosos de asistencia non obrigatoria como
bautizos, vodas, comuñóns, funerais, exercicios espirituais, ordenacións
sacerdotais e incluso cerimonias de canonización ou beatificación. Pero,
¿de onde sairían os cartos para pagar ao profesorado que traballe os
domingos?. Sen dúbida ningunha dos donativos que os fieis depositan nos
cestos, da porcentaxe de impostos destinados ao sostemento da Igrexa Católica
ou, en xeral, dos presupostos da Igrexa. Para
garantir a calidade das ensinanzas impartidas, a nosa asociación
xestionaría directamente o diñeiro aportado pola Igrexa e con el
contrataría a profesorado de sólida formación pedagóxica e científica
que se encargaría de impartir as clases durante as misas. Naturalmente,
dado o carácter eminentemente laico das clases, non dubidariamos en
despedir fulminantemente a aqueles profesores ou profesoras que non
mantiveran unha coherencia laica entre a súa vida profesional e persoal
facendo cousas como casarse pola igrexa, acudir a misa semanalmente ou
participar en calquera tipo de actos relixiosos. Finalmente,
levaremos as nosas negociacións ata o mesmo Vaticano, e coas autoridades
correspondentes asinariamos un Concordato que garantira a continuidade da
nosa nobre tarefa docente nas igrexas durante os vindeiros anos. -
- - - - - - - - ¿Paréceche
un disparate? ¿Paréceche
algo difícil de acadar? Non
é tan disparatado nin tan difícil. Temos o exemplo dos acordos entre a
Igrexa e o Ministerio de Educación en torno á materia de Relixión e a súa
alternativa nos centros sostidos con cartos públicos. Ao final
conseguiron o que ninguén cría posíbel. |
|
- - coordenadora de ensino areanegra - - |