Manifesto da CEAPA pola defensa dun ensino laico 

Pechar           Imprimir

  POR UNHA SOCIEDADE LAICA. A relixión fóra da escola

As entidades que firmamos esta declaración cremos que a nova Ley Orgánica de Calidad de la Educación (LOCE) supón un retroceso para o noso Sistema Educativo. O incremento dos concertos co ensino privado e unha maior segregación escolar profundizarán a desigualdade social e o deterioro da escola pública.

A LOCE atenta, entre outros, contra principios tales como a igualdade de oportunidades,a participación e o control social da educación. Actúa en contra do libre pensamento e da liberdade de conciencia. Ademais de que pon en grave perigo os avances cara á  coeducación.

En efecto, unha das medidas que contempla a LOCE, pregándose aos ansiados anhelos da Conferencia Episcopal, é estender a doutrina e ensino relixiosos a todo o alumnado a través das dúas opcións (tanto a confesional, como a non confesional) 

Queremos que a relixión saia da escola pública: As crenzas relixiosas forman parte do ámbito do privado e, polo tanto, o ensino das relixións deben de quedar á marxe do ensino obrigatorio e fóra do currículo escolar. A escola, hoxe máis ca nunca, debe ser un espazo público, onde o adoutrinamento relixioso ou ideolóxico quede fóra das súas portas.

Por iso, avogamos por un modelo de Escola Laica, que eduque sen dogmas, en valores humanistas e universais, na pluralidade e no respecto aos dereitos humanos, na asunción da diferencia e da diversidade e nos valores éticos, non sexistas e democráticos. Queremos unha escuela  onde se sintan cómodos, tanto non crentes, como crentes das diversas relixóns ou crenzas.

Diversas organizacións temos interpostos recursos perante  os tribunais, co fin último de conseguir a declaración de inconstitucionalidade e a suspensión da obrigación de estudar e avaliar a relixión. Ademais, temos iniciada unha campaña a favor dunha escola laica.

A sociedade demanda unha secularización máis intensa da vida pública e non voltar ao Estado confesional católico, nin propiciar a aparición doutros fundamentalismos relixiosos. Os poderes públicos non poden seguir parapetándose nuns Acordos pactados co Vaticano, antes de aprobarse a Constitución, coa intención de anular a liberdade de conciencia de cidadáns e cidadás.

Esiximos a derogación dos Acordos co Vaticano

Esiximos que a religión saia fóra do currículo escolar, xa que as crenzas relixiosas e non relixiosas forman parte do ámbito do privado

Esiximos que con cartos públicos non se pague o adoutrinamento relixioso

 

SI a un ensino científico e humanístico, que propicie unha educación para a interculturalidade, que defenda a liberdade de pensamento e de conciencia e que eduque en valores democráticos e na tolerancia

 

fonte: CEAPA. Podes asinar este manifesto na súa web www.ceapa.es 

Pechar           Imprimir

 

- - coordenadora de ensino areanegra - -