A ÉTICA DA VINGANZA. 

Unha ollada crítica sobre o conflicto palestino-israelí. 

Pechar           Imprimir

En 1994, a consecuencia do rapto e asasinato do seu fillo Arik, de 19 anos, por terroristas de Hamas, Yitzhak Frankenthal fundou o Foro das Familias, unha organización que reúne a pais que perderon os seus fillos víctimas do terrorismo. O Foro das Familias promete a paz e a coexistencia por medio dunha educación para a tolerancia e o compromiso. Insistindo sobre a moral xudía e a obrigación de conservar e situar a vida por encima de todo, o Foro das Familias esfórzase por difundir o pesado tributo humano pagado en nome do Grande Israel. 190 pais israelís que perderon os seus fillos cando efectuaban o servicio militar ou a consecuencia dun acto terrorista, constituíron un movemento que chama ao cambio social e político co obxecto de pór fin ao conflicto israelí-palestino e ao sacrificio insensato das nenas e nenos.

            Discurso pronunciado por Yitzhak Frankenthal, presidente do Foro das Familias, durante unha concentración en Xerusalén o sábado 27 de xullo de 2002, diante da residencia do primeiro ministro Ariel Sharon.

 

            “ Arik, o meu fillo ben amado, a miña carne e o meu sangue, foi asasinado por palestinos. O meu gran fillo, de ollos azuis, de cabelo loiro, que sempre sorría coa inocencia dun neno e a sabedoría dun adulto. O meu fillo.

            Se para castigar os seus asasinos fose necesario matar nenos palestinos inocentes e outras persoas civís, pediría ás forzas de seguridade que esperasen outra ocasión. Se as forzas de seguridade a pesar de todo matado a palestinos inocentes, diríalles que non valen máis cós asasinos do meu fillo.

            Arik, o meu fillo ben amado, foi asasinado por un palestino. Se as forzas de seguridade tivesen a información necesaria para identificar o seu asasino, e se se comprobase que está rodeado de nenos palestinos e doutros civís inocentes, entón-aínda que as forzas de seguridade soubesen que o asasino estaba proxectando, nas próximas horas, outro ataque asasino; mesmo se tivesen a posibilidade de reprimir un ataque terrorista que matase civís palestinos-, entón eu diríalles ás forzas de seguridade que non buscasen vinganza senón que tentasen evitar e impedir a morte de civís inocentes, xa sexan israelís ou palestinos.

            Preferiría que o dedo trema no momento de presionar o gatillo ou o botón que arroxará a bomba, antes que matar o asasino do meu fillo, antes de que teñan morto civís inocentes. Eu diríalles ás forzas de seguridade: non matedes o asasino. Levádeo mellor diante dun tribunal israelí. Vós non sodes o poder xudicial A vosa única motivación debería ser non a vinganza senón a prevención do mal causado a civís inocentes.

            A moral non é en branco e negro- é toda en branco. A moral debe estar exenta tanto do espírito de vinganza coma do da precipitación. Non se pode deixar a moral en mans de calquera irresponsable, nin de calquera demasiado pronto a apretar o gatillo. Os nosos valores morais só penden dun fío, están á mercede de cada soldado e de cada político. Non estou seguro de querer delegar neles os meus.

            É contrario á moral matar mulleres e nenos inocentes, israelís ou palestinos. É igualmente contrario á moral dominar outra nación e levala a perder a súa propia humanidade(...)

            Cando unha nación non sabe onde fixar os seus límites, chegará tarde ou cedo a aplicar medidas contrarias á moral en contra do seu propio pobo. Para min o peor non é o que xa ten sucedido senón o que, estou seguro, sucederá un día. (...)

            Perderamos de vista os nosos valores morais, moito antes dos atentados suicidas. O punto de ruptura foi cando comezamos a dominar a outra nación. O meu fillo Arik naceu nunha democracia, coa posibilidade de levar unha vida normal, tranquila. O asasino de Arik naceu no medio dunha ocupación espantosa, nun caos moral. Se o meu fillo tivese nacido no seu lugar; quizais tería acabado por facer o mesmo. Se eu mesmo tivese nacido no medio do caos político e moral que constitúe a vida cotiá dos palestinos, tería certamente tentado matar e danar ao ocupante; do contrario tería sido traidor á miña natureza de home libre.

            Que todas esas persoas tan contentas de si mesmas, que falan de despiadados asasinos palestinos, se miren sen complacencia no espello, que se pregunten o que farían se fosen eles os que viven baixo a ocupación. Polo que me toca a min, Yitzhak frankenthal, podo dicir, sen ningunha dúbida, que me faría combatente pola liberdade e que mataría tantos dos de enfronte como puidese. É esta hipocrisía perversa o que empuxa os palestinos a combaternos sen tregua: a nosa duplicidade, que nos permite vanagloriarnos dos criterios máis elevados  da nosa ética militar, mentres que eses mesmos militares asasinan nenos inocentes. Ese vacío no plano ético non pode senón corrompernos.

            Ao meu fillo Arik matárono, sendo soldado, combatentes palestinos que crían no fundamento moral da súa loita contra a ocupación. Ao meu fillo Arik non o mataron por ser xudeu senón porque formaba parte desta nación que ocupa o territorio doutra.

            Sei que estes son conceptos desagradábeis de oír, pero necesito expresalos en voz alta e forte, pois sáenme do corazón- o corazón dun pai cuxo fillo perdeu a vida porque o poder cegara a xente do seu país. Por moito que me gustaría facelo, non podo dicir que os palestinos son responsábeis da morte do meu fillo. Sería unha maneira fácil de saír de apuros, pero é sobre nós, os israelís, sobre quen recae a culpa, a causa da ocupación. Quenquera que rexeite ter en conta esta terríbel verdade levaranos, a fin de contas, á destrucción.

            Os palestinos non poden expulsarnos- hai xa moito tempo que recoñeceron a nosa existencia, que están dispostos a facer a paz connosco. Somos nós os que non queremos facer a paz con eles. Somos nós os que persistimos en mantelos baixo a nosa dominación; somos nós os que agravamos a situación na rexión e os que mantemos o ciclo da carnicería. Lamento dicilo: a responsabilidade recae enteiramente sobre nós.

            Non teño intención de absolver os palestinos nin, en ningún caso, xustificar os ataques contra os civís israelís. Non se poden encontrar excusas para ningún ataque contra civís. Pero, como forza de ocupación, somos nós os que pisoteamos a dignidade humana, nós os que asfixiamos a liberdade dos palestinos e nós os que empuxamos a unha nación enteira á loucura deses actos desesperados.”

                                                            The Ethics of Revenge

(Dereitos de reproducción concedidos a Kenizé Mourad.)

Pechar           Imprimir

 

- - coordenadora de ensino areanegra - -