UN MUNDO AO REVÉS

Pechar           Imprimir

-Veño polo do anuncio, señora.

-Ben-di a xefa de persoal-. Sente. Como se chama vostede?

-Bernardo...

-Señor ou señorito?

-Señor.

-Deame o seu nome completo.

-Bernardo Delgado, señor de Pérez.

-Debo dicirlle, señor de Perez que, actualmente, á nosa dirección non lle gusta empregar varóns casados. No departamento da señora Moreno, para o cal nós contratamos o persoal, hai varias persoas de baixa por paternidade. É lexítimo que as parellas novas desexen ter nenos -a nosa empresa, que fabrica roupa de bebé, anímalles a ter fillos-, pero o absentismo dos futuros pais e dos pais máis novos constitúe un duro handicap para a marcha dun negocio.

-Compréndoo, señora, pero xa temos dous nenos e non quero más. Ademais -o señor de Perez arrubia e fala en voz baixa-, tomo a pílula.

-Ben, nese caso sigamos. Que estudos ten vostede?

-Teño o certificado escolar e o primeiro grao de formacion profesional de administrativo. Teríame gustado rematar o bacharelato, pero na miña família eramos catro e os meus pais deron prioridade ás rapazas, o que é moi normal. Teño unha irmá coronela e outra mecánica.

-En que traballou vostede ultimamente? 

-Basicamente fixen substitucións, xa que me permitía ocuparme dos nenos mentres eran pequenos.
-Que profesión desempeña a súa muller?

-É xefa de obras dunha empresa de construccións metálicas. Pero está estudando enxeñería, xa que nun futuro terá que substituír a súa nai, que é a que creou o negocio.

-Volvendo a vostede. Cales son as súas pretensións?

-Pois...

-Evidentemente cun posto de traballo como o da súa muller e coas súas perspectivas de futuro, vostede desexará un soldo de complemento. Uns euros para gastos persoais, como todo varón desexa ter, para os seus caprichos, os seus traxes. Ofrecémoslles 275 euros para empezar, unha paga extra e unha prima de asiduidade. Fíxese neste punto, señor de Pérez, a asiduidade é absolutamente indispensable en todos os postos. Foi necesario que a nosa directora crease esta prima para animar ao persoal a non faltar por tonterías. Conseguimos diminuír o absentismo masculino á metade; con todo, hai señores que faltan co pretexto de que o neno tose ou de que hai unha folga na escola.Cantos anos teñen os seus fillos?

-A nena seis e o neno catro. O dous van a clase e recólloos pola tarde cando saio do traballo, antes de facer a compra.

-E se se poñen enfermos, ten vostede algo previsto?

-O seu avó pode coidalos. Vive cerca.

-Moi ben, gracias, señor de Pérez. Xa lle comunicaremos a nosa resposta dentro duns días.

O señor de Pérez saíu da oficina cheo de esperanza. A xefa de persoal  fixouse nel ao marcharse. Tiña as pernas curtas, a espalda un pouco encorvada e case non tiña pelo. "A señora Moreno detesta os calvos", recordou  a responsable da contratación. E, ademais, dixéralle: "Máis ben un alto, loiro, con boa presenza e solteiro". E a  señora Moreno será a directora do grupo o ano próximo.

Bernardo Delgado, señor de Pérez, recibiu tres días máis tarde unha carta que empezaba dicindo: "Lamentamos...".


France de Lagarde
LE MONDE, 28-29 septiembre 1975
(texto recollido por Enriqueta García y Aguas Vivas Català)

Pechar           Imprimir

 

- - coordenadora de ensino areanegra - -