Unha visión intercultural da discriminación de xénero

  • As mulleres xirafa: en Birmania, na etnia dos Padán, as mulleres, a partir dos 5 anos, son obrigadas a colocar un anel por ano ó redor do pescozo, ata chegar a alcanzar unha altura de 25 cm e un peso de 9 quilos. Co obxectivo de evitar o adulterio ameázanas con quitarlles un anel, co cal o pescozo perdería a súa rixidez e caería para os lados. A mitoloxía xustifica esta tortura por medio da acción, nun tempo, duns espíritos que castigaron o país. Unha invasión de tigres puxo en perigo de extinción o pobo, e cos aneis de latón impedíase que os tigres mordesen o pescozo das mulleres ( polo visto, esto non acontecía cos homes, coma se os animais distinguisen o pescozo masculino do feminino). A explicación antropolóxica decántase polo control da sexualidade como razón subxacente. Esta práctica condena estas mulleres de por vida.

  • O prezo da noiva: nalgunhas culturas o home dá animais e outras cousas aos familiares da noiva que vén a ser unha especie de compra da proxenie, pois nas sociedades patriliñais os fillos nacidos da muller son membros de pleno dereito do grupo de filiación do marido.Se a muller non ten fillos o home pode repudiala e reclamar á familia o que pagou.

  • O dote: trátase do que aporta ou paga a familia da muller ao home cando casan. A muller é considerada unha carga, de aí que se vexa lóxico pagar por que outros se fagan cargo dela. Esta concepción da muller como un ser inferior provoca un forte infanticidio feminino, e mesmo se dan casos en que as mulleres son queimadas pola propia familia para recuperar o dote. Practícase na India.

  • Permiso de concibir un só fillo: en China, a política de planificación familiar producto da súa superpoboación limitou o dereito de ter fillos a un só por parella. Esta lei e a idea fortemente arraigada de que o home é superior provocou un forte infanticidio feminino tanto activo como pasivo ( deixar morrer por neglixencia: caso dos orfanatos). Este feito é o causante de que haxa no mundo 100 millóns de mulleres menos das que habería se non se producise esta práctica. 

  • Ablación do clítoris: moitos países africanos manteñen esta tradición que consiste na extirpación do clítoris, o único órgano feminino que non ten outra función máis cá de proporcionar pracer. A operación faise en moitas ocasións en condicións precarias (na casa con navallas, coitelos, etc) . A pesar de estar prohibido nalgúns países, a práctica continúa producíndose na realidade. Para evitar mortes,  moitos países permiten facelo no hospital. Mesmo un médico londinense innovou un método para realizar esta operación. A perpetuación desta tradición é xustificada polos actores como un signo de identidade da africanidade.. En Tanzania trátase dun rito de iniciación polo cal as nenas pasan a ser mulleres; mentres as mulleres sofren a castración do clítoris, o homes son operados do prepucio, algo que vai favorecer o seu pracer sexual. A muller que non é operada é considerada impura e sucia, polo tanto non poderá casar, acontecemento fundamental para a supervivencia feminina. Esto explica que sexan as propias nais as que  dirixan a operación ( no fondo trátase dunha maneira de evitar a posterior marxinación). A explicación é, de novo, sexual ; eliminando o órgano de pracer feminino,  os homes cren que  destrúen a capacidade de desexo e, así,  garanten a súa descendencia e evitan o adulterio.

  • A infibulación: en Somalia, Sudán, etc, os nubios practican outra operación a parte da ablación do clítoris, que é coser a vaxina das mulleres. A  véspera á noite de vodas procédese a descosela, feito que é vivido con auténtico terror polas mulleres afectadas ( pola intensa dor   e posibles complicacións que esta operación implica, como morrer desangrada). Esta operación é unha garantía da virxinidade feminina.

  • A carga filial e familiar: a parte de seren as mulleres as responsables do 56% da producción en África, cómpre sinalar a reproducción: a media de fillos por muller neste continente é de 8 a 10 fillos. En América latina as mulleres asumen a carga familiar completa ( fillos, pais, enfermos ) cando o home abandona o fogar ( acontecemento que se produce con certa frecuencia). En zonas de migración, establécese unha migración selectiva masculina: a muller queda no lugar de orixe con todo o grupo familiar ó seu cargo (2/3 das mulleres asiáticas, 1/2 das africanas, 1/6 das mulleres de América latina padecen por este motivo algún proceso de anemia por desnutrición).

  • Marxinación institucional: en Dogon celébrase unha danza tribal de máscaras só masculina; as mulleres son excluídas deste acto festivo por seren consideradas impuras. No período menstrual son recluídas, ailladas nunha casa chamada a casa da regra e condenadas a non relacionarse, durante ese período, co resto da comunidade.

  • Maltratos: os yanomami, unha tribu amazónica, castigan as mulleres que pretenden escapar queimándoas ou rasgándolles o lóbulo da orella ( elas aprecian moito a estética e levar pendentes, incidir niso é degradalas) A explicación é que esta tribo, de orixe nómada, foi obrigada a sedentarizarse. As mulleres traballan na recolección, en plena selva e están sometidas a perigos: raptos das tribus veciñas e picaduras de insectos. Estas ameazas reducen a poboación feminina, de aí que non admitan perdelas por outros motivos.

  • Violacións: en Guatemala as mulleres son víctimas dunha dobre opresión: violacións por membros do exército e a explotación. O 90% das terras están en mans do 5% da poboación. A represión causou 100.000 mortos e 40.000 desaparecidos.

  • Desaparicións: os reximes dictatoriais, as dictaduras de América latina provocaron e provocan miles de desaparecidos. As Nais da Praza de Maio foron as primeiras voces que denunciaron estas desaparicións e se enfrentaron ó rexime. 30.000 arxentinos desapareceron, deles o 35 % eran mulleres. Cando se instaurou a democracia os membros do exército que torturaron e asasinaron foron indultados. As Nais da Praza de Maio non aceptan subvenciónse seguen perseguindo os asasinos dos seus fillos.

Pechar           Imprimir

 

- - coordenadora de ensino areanegra - -