Unha lingua de acollida. Unha lingua de integración. 

Queremos dar a benvida ao noso país á xente que chegou de lonxe. Benvid@s tamén á nosa lingua! A lingua é o principal sinal de identidade do noso país e pode ser un instrumento de integración especialmente útil para a xente recén chegada.

Pechar           Imprimir

1. Introdución: Unha lingua de integración.

Galiza foi historicamente un país de emigrantes e exiliad@s polític@s. Podemos atopar un galego debaixo de cada pedra en cada recuncho do planeta. E sobre as ondas de calquera mar. E máis alá: Hai un galego na lúa, lúa! E si, Galiza segue a enviar xente nova a traballar no extranxeiro. Seguro que tod@s vós coñecedes alguén que anda no andamio polas Canarias. E seguro que podedes imaxinar o duro que debe ser marchar do teu país...

Queremos dar a benvida ao noso país á xente que chegou de lonxe. Benvid@s tamén á nosa lingua! A lingua é o principal sinal de identidade do noso país e pode ser un instrumento de integración especialmente útil para a xente recén chegada. Moitas veces nos sorprendemos escoitando falar en galego a inmigrantes que souberon ver no idioma a mellor forma de vivir entre nós, como nós. Xa o di o eslogan: Entre nós, en galego!

Sabemos que o noso instituto é o voso instituto; as nosas rúas son as vosas rúas;  os nosos traballos, os vosos traballos; o noso futuro, o voso futuro e a nosa lingua, tamén, a vosa lingua. E agardamos que a lingua galega sexa un instrumento para establecer vínculos de confianza, familiaridade e aceptación social, ademais servir como un útil comunicativo de cara ao progreso laboral.

A lingua galega, unha lingua de acollida e integración.

 

2. Unha entrevista interesante sobre lingua e inmigración

Xúlio Noia: “O racismo baséase en prexuízos e intereses e a discriminación das linguas tamén”

Álex, recén chegada de Romanía, e Marlenis, Maura e Virgilio, da república Dominicana fomos entrevistar a Xúlio Noia ao Centro Sociocultural de Conxo, en Santiago. Falamos sobre a lingua galega e a inmigración. Comentou cousas moi interesantes. Algunhas transcribímolas nestas liñas...

Alex: Galiza é un país de emigrantes?

Xúlio: Si, desde sempre. Galiza ten moitos recursos: pesca, gandería, agricultura, mais non se desenvolveron o suficiente e non houbo unha industrialización como noutras zonas de Europa, o que no pasado trouxo moita fame e provocou ondas de emigración masivas. Hoxe segue emigrando xente nova, por exemplo, ás Canarias, á construción.

Marlenis: Como ves a situación do galego?

Xúlio: E vós como a vedes?, gustaríame coñecer a vosa opinión...

Marlenis: En xeral en Galicia hai moitos rapaces que falan castelán. En Vila de Cruces a min a xente fálame normalmente en galego.

Maura: A xente maior fálanos máis castelán. A xente nova fálanos galego.

Xúlio: Ben, mirade, o galego é a lingua máis falada en Galiza, en termos globais. Máis do sesenta por cento da xente maior fala galego normalmente. O problema está na xente nova e nas cidades, onde o seu uso é escaso. E segue habendo moitos prexuízos...

Maura: A min gustaríame aprender, porque é o que se fala aquí.

Virgilio: A min gústame pero aínda non o sei tan ben como para falalo libremente.

Xúlio: Claro, iso leva o seu tempo. Hai que ir adaptándose á lingua pouco a pouco.

Virgilio: Escrito si que me sae mellor.

Maura: No instituto os compañeiros  búrlanse de un cando intentas falar galego e por iso me dá vergonza.

Xúlio: Pois así está a situación. Hai xente que ten certos prexuízos, complexos. Pensan que o galego é máis feo, menos útil, e cousas así. Non o valoran.

Maura: Eu quero aprender galego.

Xúlio: Mirade, eu antes falaba castelán. Na miña familia falábase galego mais a escola castelanizoume. Logo aos quice ou dezaseis anos tomei a decisión de falar sempre en galego porque vin que había un corte moi drástico entre eu e a cultura de meus pais. É un proceso que se está dando cada vez máis. Aínda así hai moita xente que perde a lingua. Cando alguén lle fala en castelán, cambian para o castelán. E, claro, cando chegan a un sitio onde se fala pouco galego, deixan de falar a súa propia lingua.

Virgilio: Como ves o tema do racismo?

Xúlio: É algo semellante ao da lingua. Son prexuízos e preconceptos.  Hai xente que se cre superior: cre que por ser branco ou por falar tal lingua son mellores, que están por encima doutras persoas. Pensan así porque teñen o interese de seguir estando por riba doutra xente. E o certo é que todos e todas somos iguais. Cando alguén ten algún interese en sentirse superior entón aparece o racismo. Os galegos e galegas tamén sufrimos o racismo. En Arxentina os chistes de galegos ridiculízanos como se fosemos idiotas. E na tele ás veces mesmo se burlan do noso acento. Imos avergonzarnos de ser galegos por iso? A ignorancia é un factor que produce racismo. Ademais, o traballo compártese e ninguén pola súa cor ou o sitio onde naceu merece máis nin menos que outra persoa.

Actividade realizada no IES Marco de Camballón, Vila de Cruces

3. Un poema dunha alumna recén chegada de Romanía:

Alexandra Radu, Vila de Cruces

Flores chorando

Somos como as flores que  rompeu o tornado,

Somos como as follas que voan sen aire, sen nada.

Mais chegamos a un territorio que para o noso corazón

É un soño e unha grande ilusión.

 

Estamos loitando pola nosa dignidade.

Non queremos máis que un traballo e un sitio de verdade.

Nas nosas almas, na vosa terra,

Sen perder a esperanza, sen facer unha guerra.

Flori plângând

 

Suntem ca florile ce le-a rupt furtuna,

Suntem ca frúnzele ce zboara fara vânt fara nimic;

Dar am ajuns într-un teritoriu care pentru inima noastra,

Este un vis si o mare iluzie.

 

Luptam pentru demnitatea noastra,

Nu vrem mai mult decat munca, si un loc adevarat

În sufletele voastre, pe pamântul vostru

Fara sa pierdem speranta fara sa facem razboi.

Pechar           Imprimir

 

- - coordenadora de ensino areanegra - -