Coordenadora de Ensino

OUTRO MUNDO É POSÍBEL, EXISTEN OUTROS CAMIÑOS

 

 FILOSOFÍA DA ACTIVIDADE

Hai xa algúns anos que atopei a unha vella mestra. Andaba eu no meu último curso de carreira e supoño me dirixía alí, cando a atopei de fronte. Levei unha grata sorpresa, xa que aquela muller era das que realmente daban vida á Escola de Maxisterio. Unha das súas frases preferidas, coas que adoitaba rematar as clases era: “Lembrade que sodes simples intermediarios e intermediarias entre o mundo e o voso alumnado, non vos creades nunca posuidoras e posuidores do coñecemento absoluto”.  O certo é que a medida que se achegaba, dubidaba se realmente sería ela, porque a persoa en cuestión debía andar un pouco tola. Viña camiñando cara atrás, explícome, na mesma dirección ca min, só que de costas ao camiño. Non puiden menos que soltar unha gargallada. Ela, que me recoñeceu como alumna súa, parou onda min e díxome con firme voz:

- Pois vou para o mesmo sitio ca ti.

A verdade é que me avergoñei tremendamente da gargallada anterior e deume dabondo que pensar aquela breve frase. Infinidade de xeitos temos de chegar a un mesmo lugar, non hai a menor dúbida. Fixemos xuntas o camiño que nos levaba á Escola, eu paseino realmente mal porque vía que en calquera momento ía tropezar e caer.

- Non temas polo que ha de vir,  disfruta da conversa. De seguro nunca tiveches oportunidade de falar con alguén mentres camiña deste xeito. Por certo, é unha experiencia que debes probar. Por medo estás perdendo algo que pouca xente viviu e que está ao alcance de todas e todos.

- Pode ser, pero non vexo que me pode aportar, aínda se tan sequera tivese a seguridade de que non vou caer.

- Sinto dicirche que escolliches a profesión, mellor dito, o xeito de vida equivocado. A túa opción profesional é unha forma de vivir, que agora mesmo te invito a abandonar, porque nunca terás a seguridade de non tropezar, caer e ata morrer neste mundo que ti, parece,  elixiches voluntariamente.

- É moito máis difícil camiñar a contracorrente. Se camiño como ata agora non terei tanto perigo de tropezar.

- Xa pero estás segura de que ese camiño é o correcto?

Dubidei un pouco...

- Pois non... 

- Tranquilízame a túa resposta, non está todo perdido. Íspete de prexuízos e ven comigo.

- Pero se xa chegamos.

- Eu non chego nunca e ao mesmo tempo. Chego sempre porque camiño cara un territorio libre.

Mireina con desconfianza e seguíndolle a corrente, como se dunha tola se tratase, díxenlle:

- As clases van empezar e camiñando deste xeito non chegarás moi lonxe. Xusto aí adiante hai un muro que separa os edificios da rúa e co que de seguro vas tropezar...

Non me deixou rematar .....

- Mil muros atoparei e outros tantos derrubarei.

Seguiu camiñando mentres me miraba con xesto compasivo, erguendo a man en sinal de despedida.

- Onde te podo atopar? - berrei eu, coa esperanza de ser oída.

Xirouse, sinalou o horizonte e díxome con voz clara e firme:

- Atoparasme en cada unha e en cada un dos teus alumnos, atoparasme no futuro, e na vida mesma.

- Xa pero en que enderezo?.- interrompina eu apurada pola clase que acababa de comezar.

- Búscame en Utopía.

Non volvín saber máis daquela muller, por moito que indaguei ninguén me soubo dar señas. Mil veces me maldicín por interromper aquela conversa por acudir a unha  clase de “Didáctica”. Mil veces me maldicín por non tela seguido.

 

A Marta Mata, mestra de mestras.

- areanegra -

subir


Volver ao índice de " Outro mundo é posíbel, existen outros camiños"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org