Coordenadora de Ensino

OUTRO MUNDO É POSÍBEL, EXISTEN OUTROS CAMIÑOS

 

 EDUCAR

Educar é esa palabra madura, viaxeira,

Que se enche de significados nos camiños.

Que nace do compromiso.

Que explora camiños de dentro-sentir-pensar

cara a fóra-dicir.

Educar é conciliar conceptos e realidade.

Salvar distancias.

Espertar as ganas de aprender.

A curiosidade de coñecer.

Coñecer para facer do mundo un lugar habitable.

Sensible ao diferente– nunca indiferente.

Educar converte ás espectadoras, ós espectadores

En axentes.

Educar é camiñar

Camiños de ir de cara e mirar de fronte,

De ir e vir,

De procurar e encontrar,

De escoitar e falar,

De parar e mirar,

De coñecer e transformar,

Camiños de procurar,

De dicir e facer,

De sentir e existir,

De rir e xogar,

De respectar.

Camiños de nunca acabar

Camiños para falar coas persoas con que imos,

Coas  persoas que veñen,

Cos silencios

Camiños de abrazar a terra que nos abraza,

De beixar o aire que nos beixa.

de desvendar  olladas. 

Camiños para identificar muros que nos oprimen,

Muros que nos afogan, que nos separan,

Feitos de ollos que non miran,

De mans que non tocan,

De corazóns que non senten

Camiños para recoñecer eses muros infames

E derrubalos.

Camiños para tirar as pedras que non nos deixan oír a voz d@s que non teñen voz

E escoitalas

Escoitar o porqué do seu silencio.

Escoitar o que calan.

Sentir nosas as voces excluídas

Suprimidas

Torturadas, marxinadas, condenadas.

Sentir nosa a dor dos pobos masacrados,

Das mulleres asasinadas- maltratadas- violadas-explotadas

Das linguas que se extinguen

d@s enferm@s esquecid@s

dos corpos afogados

Sentir a dor nas súas marxes das bocas con fame

Sentir noso o lamento das árbores queimadas,

Dos mares humillados,

Da terra envelenada

 

Tocar a noite sen soños d@s nen@s

Sen infancia

Camiños para encontrarse

Coas voces das dos ninguéns que non son

Porque non teñen,

Que teñen nome

pero non identidade

Que non falan

Porque non lles deixan

Que falan

Pero coa lingua estrangulada

As os ninguéns que non son

porque os matan.

Derrubemos todos os muros abominables

Visibles- invisibles

Pero muros

Que nos distancian

E devolvamos as pedras aos camiños

De onde foron roubadas

Para que tornen a ser alí o que sempre foron

Simplemente pedras.

E fagamos do universo  un multiverso

Inverso

Reverso

Verso

Seixo

Beixo.

areanegra

subir


Volver ao índice de " Outro mundo é posíbel, existen outros camiños"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org