Coordenadora de Ensino

OUTRO MUNDO É POSÍBEL, EXISTEN OUTROS CAMIÑOS

 

 ¿ALGUNHA DÚBIDA?

Por se tedes algunha dúbida, aí van algunhas ideas:

 

Localización

O Camiño de Santiago, pero ao revés. Cada centro terá asignado un tramo, e logo xuntarémonos todas e todos no Cebreiro para asistir ao festival do mundo ao revés.

 

Horarios

A organización establecerá uns horarios de chegada individualizados que serán comunicados ós respectivos centros coa antelación suficiente. Nestes horarios indicarase tamén o lugar ao que deben dirixirse e acompañarase dun mapa no que se indique a mellor maneira de chegar, o lugar onde debe apearse o alumnado e o aparcadoiro para o autobús. Ás tres da tarde comezará o festival no Cebreiro, así que haberá que estar alí entre as 14:00 e 14:30 horas.

 

¿Por onde temos que camiñar? 

Todo o camiño vai estar sinalizado. Cada grupo levará mapas con indicacións que o orienten. De todas formas, haberá persoas da zona que acompañarán aos grupos, e tamén contamos coa presencia de Protección Civil.

 

¿Canto dura a camiñada? 

Depende do tramo e do ritmo que levedes, pero está calculado para dúas ou dúas horas e media aproximadamente.

 

¿Qué comemos e cándo? 

Hai que levar bocatas e auga para beber no camiño. A comida será no Cebreiro. Como é un lugar pequeno, é recomendable que leven a comida propia, pois non haberá moito que mercar. Levade unha bolsa de plástico na mochila para gardar o lixo (envoltorios, envases, ...) pois o camiño debemos coidalo e deixalo limpo. No Cebreiro haberá contenedores de lixo para tirar o que levedes.

 

 

¿Hai que levar algunha indumentaria especial? 

Roupa cómoda e calzado axeitado para camiñar. Recordade que imos camiñar varios quilómetros. Para levar a comida e a roupa de reposto é mellor levar unha mochila con dúas asas que unha bolsa cunha asa. A columna vertebral volo agradecerá. 

Levade se podedes unha cámara de fotos para que quede constancia do acto, publicarémolas posteriormente no noso web.

 

E se chove ¿qué? 

Mollámonos!. Neste sentido é importante que os participantes leven protección contra a choiva (paraugas, roupa de augas, calzado axeitado...) E roupa de reposto para cambiarse no caso dunha molladura. No caso de que chova o festival do mundo ao revés será no pavillón.

 

 

É fundamental que todas e todos coñezamos polo miúdo os pormenores da actividade para que todo resulte ben, polo tanto, calquera dúbida que teñades facédenola chegar a través do noso correo: correo@areanegra.org,

Lembrade que os obxectivos e o espírito deste acto están ao voso dispor no web de areanegra: www.areanegra.org 

É moi importante o traballo previo e posterior sobre a concienciación e compromiso educativo e social que cada centro realice nas súas aulas, para o que poñemos a vosa disposición un feixe de material no noso web.

 

 

subir


Volver ao índice de " Outro mundo é posíbel, existen outros camiños"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org