|
Máis
de 50.000 alumnos participan na Cadea Humana
Vieiros, 17/01/2003
Máis
de 50.000 alumnos de ensino secundario de toda Galicia
unirán o 22 de xanerio coas súas mans a vila de Laxe
coa praia de Lourido (Muxía) nun emotivo acto
organizado pola Coordenadora Area Negra. Os responsables
do colectivo presentaron en Compostela a 'cadea de
humanidade', que xurde como resposta 'á petición dos
rapaces'. 'Temos unha xuventude moi crítica e
observadora que quería facer algo', declarou a
profesora María Díaz.
Na
cadea humana participan case 52.000 alumnos, acompañados
de 2.700 profesores, procedentes dos centros de ensino de
toda a xeografía galega: desde A Coruña ata Vigo,
pasando por Viana do Bolo, Carballeira de Valdeorras ou A
Fonsagrada.
Trátase de formar unha cadea que cubra 40 quilómetros de
litoral, divididos en nove tramos que foron medidos e
percorridos con anterioridade por un grupo de profesores
de Area Negra. Algúns
nenos terán que camiñar unha hora, outros dez minutos,
segundo a zona asignada, por vías libres de tráfico.
Está previsto que a cadea se inicie á unha da tarde do
22 de xaneiro, e que dure uns 20 minutos. Na praia de
Traba de Laxe, os nenos escribirán a palabra VIDA, en
resposta á coñecida imaxe difundida polos medios de
comunicación na que se vía o areal co vocablo morte
gravado sobre o chapapote.
Tamén haberá unha parada especial no museo de Man, en
Camelle, e logo en Cabo Vilán, onde o colectivo Burla
Negra organizará unha concentración de malabaristas e
monicreques, coa colaboración dos Quinquilláns. No tramo
de Camariñas a Muxía, a cadea terá continuidade por
medio de barcos, que tocarán as súas sereas mentres o
alumnado galego berra 'vida' en terra.
Area Negra sinalou na rolda de prensa de presentación do
acto que está todo perfectamente organizado e
planificado. Rogan aos veículos particulares que non se
sumen á iniciativa, contan con 200 autobuses e o
percorrido non pode asumir máis tráfico.
Por outra banda, os profesores sinalaron que estaban a ter
problemas coa contratación do transporte e que as
autoridades portuguesas e a Generalitat de Cataluña se
ofreceran para o envío de varios buses.
Apoian a cadea humana Burla Negra, Nunca Máis, Nova
Escola Galega, ADEGA e 422 consellos escolares da
comunidade educativa, entre outros colectivos.
|