|
2.000
estudiantes forman unha cadea humana de 40 quilómetros entre Laxe e
Muxía
A Nosa Terra
‘Este acto está moito mellor organizado que o rescate do
Prestige’
|

|
Arredor
de 42.000 estudiantes de ensino secundario, transportados
por máis de 850 autobuses, participaron o mércores 22 de
xaneiro na mobilización da Coordinadora de Ensino Area
Negra para constituír unha cadea humana na Costa da Morte,
desde Laxe e Muxía.
|
O
acto tiña un carácter eminentemente docente e pretendía dar ao coñecer
ao alumnado a situación provocada pola catástrofe do Prestige e
inculcar nos rapaces e rapazas conceptos como solidariedade,
participación democrática ou dereito a esixir responsabilidades
políticas.
Mentres en Compostela os membros do
Goberno galego se quitaban os ollos, a sociedade civil, neste caso o
profesorado e o alumnado, deu unha nova lección de civismo,
organización e solidariedade nunha cadea humana que transcorreu
fronte á costa aldraxada polo fuel ao longo de 40 quilómetros por
pistas forestais e praias entre as localidades de Laxe e Muxía.
Mentres inicialmente os organizadores contaban con conseguir a
participación de 20.000 alumnos, as previsións quedaron
desbordadas e só puideron participar 42.000 estudiantes. Outros
12.000 tiveron que quedar nas súas localidades e tomar partido en
actividades alternativas.
“Desde logo este acto está mellor organizado e xestionado que a
crise do Prestige”, dicía a alumna do Instituto Politécnico de
Vigo, Clara Fontana. Clara, xunto con outros compañeiros e compañeiras
do seu centro participou na cadea humana na praia de Traba, en Laxe,
un dos mellores areais do país, tamén afectado pola marea negra.
“A organización e a solidariedade son importantes en actos como
este e en crises como a do Prestige”, abondaba Diana Pacheco,
amiga de Clara. “Tamén estamos aquí para protestar”, engadía
Mónica Domínguez a poucos metros do lugar no que un nutrido grupo
de rapaces formaba a palabra “Vida”.
“Aquí non hai chapapote”, dicía unha participante na cadea
humana ao chegar á praia de Traba. Poucas horas antes limpara a
praia un forte continxente militar que viña de chegar ao lugar. Había
días que non se vían soldados pola zona, pero a data requería a súa
presencia para aparecer na prensa.
A primeira hora da mañá a organización esperaba a chegada de máis
de 4.200 alumnos a bordo de 130 autobuses á praia de Traba. Pasado
o mediodía as previsións quedaran superadas e un pingar de xente
nova ía achegándose á costa a través dos limitados accesos
dispostos polos coordinadores. “Vindes a un Parque Natural
Protexido cun complexo dunar que tardou en formarse milleiros de
anos e que é moi sensíbel; por favor, non pisedes as dunas nin
arranquedes a vexetación”, dicíalles aos mozos un membro de
Adega que participaba na organización.
“Somos máis de setenta persoas organizando este acto, é moi
complicado coordinar a tanta xente”, explicaba Pablo Naia,
profesor do CPI de Laxe de Bergantiños. “A idea xurdiu en varios
puntos –engadía o ensinante–, pero ao final decidiuse facer na
Costa da Morte por razóns obvias. Desde logo é un acto educativo,
co que pretendemos inculcar ao alumnado as ideas de solidariedade
pero tamén as de participación democrática e de protesta ante as
autoridades porque esa tamén é unha forma de participar, de
defender os nosos dereitos”.
As razóns para organizar este acto non se lle escapaban a ninguén,
mesmo á Consellería de Educación. “Os funcionarios da Inspección
están chamando aos centros como se fose unha folga, pero non poden
facelo. Todo está en regra; é unha actividade extraescolar
complementaria”, dicía a pé de praia de Traba o secretario xeral
da CIG-Ensino, Anxo Louzao. “Cumpre con todos os trámites: a
autorización dos pais, a compañía dos profesores pertinentes e o
beneplácito dos claustros. Non hai ningunha fenda”, engadía o
mestre e experto en dereito educativo Henrique del Bosque, que
estaba a carón de Louzao.
“Nunca vira tantos coches nesta praia”, afirmaba sorprendida a
veciña Carme Insua. “A protesta é polo demo do mar ese, o
condenado arruinou todo”, engadía a continuación. Carme camiñaba
ao longo das pistas da concentración trazadas a cordel once anos
atrás. Para algo serviron despois de tanto tempo, para permitir a
distribución dos autobuses e o seu estacionamento mentres a
mocidade inundaba a praia coa mensaxe da vida.
Pero a praia de Traba non era a única protagonista. Nin sequera o
eran os 42.000 estudiantes que se achegaron á Costa da Morte nun
operativo impecábel e sen precedentes, ou os sete autobuses
chegados desde Vilalba, a praza forte de Manuel Fraga. Porque á
Costa da Morte non puideron achegarse moitos alumnos de secundaria
que se apuntaron a última hora e todo o alumnado da primaria, que
tamén eran protagonistas do acto, aínda que non estivesen alí. Os
que non se presentaron nalgún punto entre Laxe e Muxía non
quedaron nas clases: tomaron as rúas da cidades e das vilas e
organizaron actos de todo tipo. Houbo manifestacións ata de
estudiantes universitarios, cadeas humanas arredor de edificios
singulares como a catedral de Compostela ou concentracións para
esixir a dimisión dos responsábeis da catástrofe.
|

|
Itinerario
da cadea
|
Na
propia Costa da Morte a cadea partía da vila de Laxe e discorría
ata Muxía a través de paraxes que forman parte do imaxinario
colectivo dos galegos e galegas. De Laxe ía cara o santuario de
Santa Rosa, para baixar logo á praia de Soesto e ir camiño da
lagoa e a praia de Traba. A continuación, pola costa, chegaba a
Camelle e visitaba a museo de Man. Logo ía a Arou e a Santa Mariña
de camiño a cabo Vilano pola duna do Monte Branco, a praia dos
Trece e o Cemiterio dos Ingleses. Desde Cabo Vilano acariñaba a ría
de Camariñas e gañaba o mar en Muxía, onde a cadea humana
embarcaba para atravesar a ría nunha procesión de barcos de mariñeiros
e mariscadoras. Concluía definitivamente na Praia de Lourido.
|

|
Obxeccións
á cadea
|
A
organización deste acto atopou numerosas dificultades interpostas
directa ou indirectamente pola Administración. Desde as obxeccións
postas polas empresas ao aluguer de autobuses para o transporte ata
a chamada a capítulo realizada aos directores dos centros.
“Recoñecemos que mobilizar oitocentos autobuses é complicado
–recoñeceu Braulio Amaro, un dos profesores que apoiou a
organización do acto–, sen embargo atopamos algunhas dificultades
sospeitosas, como as postas por Monbús, sobre todo porque puidemos
comprobar que para outras actividades si contaban con autocares”.
Braulio Amaro refírese a unha petición de autobuses para este acto
denegada por parte de Monbús o dezaseis de xaneiro, cando horas
despois unha profesora de Foz empregou ante esa empresa o nome falso
de María Sertage para solicitarlle cinco autobuses para o mesmo día
22 coa intención de levar a coñecer a situación da costa a un
grupo de persoas maiores de cincuenta anos relacionadas coa
parroquia de Santiago de Oliveira de Ponteareas. “Para este caso
si había autobuses”, denunciou Braulio Amaro.
Outro dos obstáculos consistiu na intervención do delegado
provincial de Educación en Ourense, que convocou aos directores
para esixirlles que respectasen a legalidade vixente e recalcarlles
que a responsabilidade correspondíalles a eles.
|

|
“De
todos xeitos, o domingo a Xunta publicou un anuncio na
prensa que aclaraba que o acto era unha actividade legal, aínda
que dicía que os directores son os responsábeis, algo que
acontece sempre. Pois ben, ese comunicado calmou bastante os
ánimos e xa desapareceron os temores por parte dos
ensinantes”, explicou a organizadora María Díaz.
|
|