Coordenadora de Ensino

A CADEA HUMANA

 

índice

A CADEA HUMANA DO ENSINO - Porqués e cómos -

UNHA CADEA DE HUMANIDADE

A Coordenadora de Ensino Area Negra, integrada na Plataforma Cidadá Nunca Mais e coa colaboración da Plataforma contra a Burla Negra, está a organizar unha Cadea Humana que terá lugar o 22 de xaneiro na Costa da Morte.

Desde o 13 de novembro empezaron a oir-se voces na comunidade educativa, voces de tristeza, de protesta, de ira, de indignación. Desde aquel terríbel 13 de novembro vemos morrer as nosas costas, o noso mar, os nosos portos mariñeiros, o noso país.

Os rapaces e rapazas necesitan coñecer a situación; analizar o que está a sucedecer a nível ecolóxico, económico e social; saber e aprender. E no médio da marea de tristeza queren participar coa sua forza. A forza da mocidade, a do futuro. E tamén queren berrar NUNCA MAIS, para ser tratad@s con dignidade, xustiza e respecto.

Será unha cadea de futuro, de conciéncia, de responsabilidade, unha cadea de rapaces e rapazas vestid@s de cores alegres que queren unir as suas mans para berrar VIDA.

Esta non será unha manifestación de loito e pena, será unha manifestación de vida e esperanza. Unha manifestación de dignidade e rebeldia frente a sumisión e o siléncio.

 

DE LAXE A MUXIA

Somos conscientes de que, desafortunadamente, hai moitas zonas do noso litoral que poden reflexar a dimensión desta traxédia. Barallaron-se várias posibilidades e chegou-se ao convencimento de que a unidade lle daria mais forza a este proxecto.

En canto ao lugar onde facé-lo debia reunir certos requisitos:

  • proximidade á costa

  • seguridade

  • facilidade de accesibilidade e movimento.

Na Costa da Morte atopou-se un percorrido axeitado:

  • 40 quilómetros de pistas forestais paralelas á costa.

  • visión constante do mar e dos efectos do fuel.

  • cadea afastada do tráfico rodado.

  • acceso para veículos de protección civil, sanitários, etc.

  • integración no médio natural

  • visibilidade aérea en todo o traxecto

  • circuíto paralelo para autobuses.

  • distáncias curtas desde os buses á Cadea.

  • zonas amplas para o estacionamento dos autocares.

Non é a Costa da Morte a única zona con estes requisitos. Pero a eles podemos engadir outros non menos importantes:

  • estamos no lugar do accidente.

  • pasamos por duas das vilas máis afectadas, Camelle e Muxía.

  • e sobre todo, un motivo mais profundo:

Na Costa da Morte a xente está demasiado afeita á desgrácia. Ante ela algunhas das mais tristes reaccións semellan ser a resignación e a emigración. A xuventude da Costa da Morte necesita reaccionar. Aprender a reclamar e a exixir os seus direitos. A sua auto-estima debe fortalecer-se. A Cadea Humana pode achegar á xuventude da Costa da Morte a forza reivindicativa de toda a mocidade galega.

 

O PERCORRIDO

A Cadea Humana cubrirá 40 quilómetros de litoral entre Laxe e Muxia, nun percorrido fechado ao tráfico. De xeito paralelo haberá un circuíto para buses con paradas en distintos pontos próximos á localización da Cadea. Desde ali accederemos facilmente ao tramo que nos corresponda, mentres que os buses se dirixirán aos seus lugares de estacionamento. Todo o percorrido estará sinalado e numerado con sinais. Cada centro participante terá coa suficiente antelación á actividade un informe onde ficará explicada a sua posición exacta na cadea e as orientacións de cara ao acceso á zona asi como o programa da xornada.

A Cadea nace na vila de Laxe e vai cara ao santuário de Santa Rosa. De ali baixa á praia de Soesto e segue camiño de cara á lagoa e á praia de Traba de Laxe. Neste areal a Cadea formará a palabra VIDA (en contraposición con aquela de MORTE escrita sobre o chapapote e coñecida polos médios de comunicación). As mans seguirán unidas cara a unha das vilas mais danadas de todo o noso litoral: Camelle. Ali a Cadea contemplará o museu de Man, asolagado pola escuridade do fuel. As nosas mans uniran-nos á pequena vila de Arou e desde ali até a aldea de Santa Mariña. A Cadea continuará cara ao Cabo Vilano, e neste treito atravesará paraxes tan chamativas como a duna do Monte Branco, a praia dos Trece, o Cemitério dos Ingleses e a praia de Reira. Asi aproxima-se ao mítico Cabo Vilano, desde onde se divisa Muxia. Antes de chegar ao faro, virará á esquerda para buscar a boca da ria de Camariñas e Muxia. Desde ali as mans da Cadea uniran-se ás da xente do mar, que cubrirán cos seus barcos o tramo que une as duas beiras da ria. Os rapaces e rapazas agardarán as mans dos mariñeiros, das mariscadoras, das redeiras no porto de Muxia, e de ali a Cadea prolongara-se até a praia de Lourido.

Vexamos in situ as feridas do noso mar.
Mostremos-lle ao mundo a nosa capacidade de unión.
Aprendamos a exixir.
Aprendamos da História.
Aprendamos, para que isto non aconteza NUNCA MAIS.
Todos e todas somos afectad@s.
Todas e todos somos mar.

subir

 


Volver ao índice de "cadea humana"

  Volver á páxina principal
 


 

Páxina feita pola coordenadora de ensino areanegra correo@areanegra.org, aloxada en Dinahosting
Para cuestións técnicas: webmistress@areanegra.org

- - - coa colaboración do HackLab da Casa Encantada - - -