|
Golpearon-nos. No que mais nos doe: no mar. No Atlántico, no
Cantábrico, na Alma. E na sombra. Se as nosas sombras falasen
con nós farian perguntas, como os rapaces e as rapazas. Por que
pasou todo isto?
Sabemo-lo?
Sabemos que viña pasando desde hai anos co noso entorno natural?
Agredido.
E que ven pasando coa nosa cultura? Ignorada.
E coa nosa lingua? Minorizada.
E que está a suceder cos recursos do ensino? Reducidos.
E co noso asociacionismo cidadán? Paralizado.
E cos nosos sectores económicos? Médio desmantelados.
E cos médios de comunicación? Controlados.
E con nós?...
Veu a Marea Negra e retirou moitas vendas dos ollos. E nesta situación
de urxéncia @s que queremos FACER ALGO atraemo- nos como imáns.
É necesária luz nesta derrota, escrebeu Antón Avilés
de Taramancos.
Cumpre aportar, organizar a participación, xuntar-nos e ir cara
adiante. Optemos polo compromiso cidadán, que O MUNDO DO ENSINO
se sume á marea humana: coas PERSOAS artistas, tendeiras, paradas,
obreiras, traballadoras en precário, oficinistas, caixeiras dos
supermercados, labregas, mariñeiras, inmigrantes, etc. Coa SOCIEDADE.
Os institutos e os coléxios non son latas de conserva. Nen @s
profes somos sardiñas, nen @s rapac@s son mexillóns en
escabeche.
Tod@s somos mar.
Aberto, amplo, libre.
Somos sociedade.
Somos vida.
Os nosos centros están cheos de enerxia, de emoción,
de forza. É a enerxia da xente nova. A forza da adolescéncia
que intue que pode cambiar as cousas. A emoción por descubrir
o que non se coñece. E a necesidade de aprender.
@s ensinantes queremos que a forza da mocidade encha os corredores,
as aulas, as salas de profes, os pátios, os ximnásios...
Queremos que a sua curiosidade rebente. Que se transmita a sua enerxia.
Que abran os ollos, que estendan as mans, que pergunten por que, que
investiguen comos, que escoiten con emoción, que falen e que
compartan as suas ideas sobre esta história que lles tocou viver:
As Mareas Negras do Prestige.
Queremos que NUNCA MÁIS volva acontecer algo asi. Pensamos que
a educación pode transformar as cousas. Ou cando menos non as
deixa intactas. A xente do ensino queremos que os nosos alumnos e alumnas
vivan tocando as cousas coas mans, vendo-as cos ollos, ulindo- as, saboreando-as,
escoitando-as realmente. Porque queremos que APRENDAN coas suas próprias
ideas, en diálogo sincero co mundo. Sen enganos, sen mentiras,
sen manipulacións. E sabemos que para estar no mundo activamente
é necesário aprender a exixir. Exixir un mundo mellor.
Porque queremos que os rapaces e rapazas galeg@s vivan a REALIDADE
como protagonistas do seu futuro, cremos na implicación social
directa d@s docentes e do alumnado galego con este momento histórico.
E porque a Marea Negra tamén é a sua História,
queremos que a enerxia da mocidade saia polas xanelas e as portas dos
centros; que a sua emoción se transmita ao mirar-se aos ollos;
que a sua voz -a voz da mocidade- se escoite en todo o país,
en todo o mundo; que a sua forza se xunte nunha CADEA HUMANA e que,
de mans dadas, as rapazas e rapaces lle transmitan a sua forza ao país.
Coas mans dadas, na procura dun futuro mellor, intentado cambiar este
pedazo de mundo que temos ao alcance das mans, na ponta dos dedos.
Galiza.
|