|
Diante das moitas dúbidas que están xurdindo con respecto
á organización deste acto, imos intentar aclarar algunha
delas:
-
LOCALIZACIÓN: A cadea ocupará a esquina de
Galiza, aproximadamente os 40 quilómetros que separan LAXE
e MUXÍA.
-
HORARIOS: Preténdese que a cadea estea formada sobre
a UNHA da tarde. De todos os xeitos, debido á enorme complexidade
que supón mover a miles de persoas e máis de 600 autobuses
nunha zona que non se caracteriza polas súas boas vías
de comunicación, a organización establecerá uns
horarios de chegada individualizados que serán comunicados
ós respectivos centros coa antelación suficiente. Nestes
horarios indicarase tamén o lugar ao que deben dirixirse e
acompañarase dun mapa no que se indique a mellor maneira de
chegar, o lugar onde debe apearse o alumnado e o aparcadoiro para
o autobús.
-
¿ONDE NOS POÑEMOS?. Toda a costa que se vai
abarcar coa cadea vai estar sinalizada. Cada grupo levará indicacións
claras que o orienten cara ao espacio que debe ocupar. De todas formas,
haberá grupos de alumnado e profesorado da zona que acompañarán
aos grupos que cheguen de fóra para dirixilos á súa
ubicación.
-
¿CANTO DURA A CADEA?: O acto en si, construír
a cadea humana, durará 30 minutos.
-
¿QUE FACEMOS ANTES E DESPOIS?. Estanse estudiando
algunhas actividades para realizar. Vai haber grupos de animación
de artistas e músicos ubicados en diferntes puntos da cadea,
asi como unha caravana móbil de artistas que cubrirán
un tramo do percorrido.
Ademais desta animación, os centros poderán levar as
súas propias actividades de animación: música,
performances, etc.
A xente do mar participará facendo soar as sereas dos barcos
e formando unha cadea de embarcacións no mar.
Ao remate, lerase un comunicado elaborado por unha alumna ou alumno
dun centro educativo.
Sen embargo non debemos esquecer que o reto é formar a Cadea
Humana, polo que esas actividades non deben desviar a atención
do feito central.
Cando haxa máis detalles sobre este punto comunicarásevos.
-
SE CHEGAMOS MOI CEDO, ¿QUÉ FACEMOS MENTRES AGARDAMOS?.
Cada centro deberá programar o xeito de ocupar o tempo sobrante
da maneira que estime máis oportuna. Recomendamos que non se
programen actividades do tipo "visitas pola zona", dado
que o tráfico de autocares vai estar restrinxido unicamente
ao estrictamente necesario para achegar aos participantes ata a súa
ubicación na cadea e que todos os participantes van ter o mar
á vista polo que non é necesario organizar ningún
acto complementario nese senso, xa que calquera que sexa a súa
situación van poder facerse unha idea clara da magnitude da
traxedia. Tamén sería moi importante que as actividades
programadas polos centros non interferisen coa organización
da cadea. É fundamental concienciar aos rapaces-as de que se
trata dun acto solidario e reivindicativo e que, polo tanto, é
posible que teñan que pasar momentos de incomodidade e tal
vez de aburrimento, pero que a causa ben o merece.
-
E SE CHOVE ¿QUÉ?. ¡Mollámonos!.
Neste sentido é importante que os participantes leven protección
contra a choiva (paraguas, roupa de augas, calzado exeitado...) e
roupa de reposto para cambiarse no caso dunha molladura.
-
¿QUÉ COMEMOS E CÁNDO?. Os bocatas que
cada persoa debe levar para si e no momento que cada grupo considere
oportuno, sempre que non coincida coa hora da cadea. Un bo momento
podería ser ao rematar a cadea e mentres se agarda á
saída do autobús, que nalgún caso pode tardar
bastante, xa que se pretende facer unha saída escalonada para
evitar atascos.
-
¿HAI QUE LEVAR ALGUNHA INDUMENTARIA ESPECIAL?. Non,
cadaquén pode ir vestido como lle pete, sen embargo, recomendaríamos
roupas de cores vivas para rachar un pouco coa negrura que nos invade.
Fronte á morte que nos lanzaron contra a nosa costa nós
queremos representar a vida, a forza da xuventude .
Os equipos de traballo da Coordenadora Area Negra seguen a traballar
na loxísitica do proxecto e ira-se informando aos centros pormenorizadamente
de todas as novidades.
É fundamental que todas e todos coñezamos polo miúdo
os pormenores da actividade para que todo resulte ben, polo tanto, calquera
dúbida que teñades facédenola chegar, ben @s coordenador@s-as
de zona ou ben a través da nosa páxina web www.areanegra.net.
Lembrade que os obxectivos e o espírito deste acto están
ao voso dispor na páxina de Area Negra. É importante o
traballo prévio e posterior sobre a concienciación ecolóxica
e de compromiso educativo e social que cada centro realice nas súas
aulas.
|