Coordenadora de Ensino

areanegra


COMUNICADO PARA TODO O PROFESORADO E ALUNADO GALEGO

debuxo dun barco sacando chapapote do marAnte a catástrofe que estamos a sufrir nas nosas costas, é necesária unha rápida e contundente resposta de toda a comunidade escolar polas seguintes razóns:

1. A imprescindíbel concienciación ecolóxica da mocidade, como parte da programación pedagóxica que todos os centros de ensino apoiamos, e non só como tema transversal.

2. A caréncia dunha información veraz e xeralizada dos actos que en todos os centros estamos a facer, de forma local e disgregada, leva-nos a formular unha acción que precisa dunha perfeita coordenación e unión de todo o noso colectivo, co fin de acadar unha maior repercusión do noso sentir nos médios de comunicación e na nosa sociedade en xeral.

3. É incuestionábel a importáncia na sociedade actual dunha educación para a solidariedade, que nos faga reflexionar a todos/as sobre a responsabilidade persoal que cada un/ha de nós ten que asumir na defensa do noso património ecolóxico, económico e social; neste senso é desde o sistema educativo que teremos que facer un maior labor que redunde nunha viraxe cara a acadar unha sociedade mais xusta e solidária.

É por todo isto que, a "Coordenadora de Ensino Area Negra" creada e integrada na "Plataforma Cidadá NUNCA MÁIS", convocamos-vos a que, prévia reunión do Consello Escolar, o voso centro participe activamente na realización dunha CADEA HUMANA DO ENSINO GALEGO, a facer o mércores, dia 22 de Xaneiro ás 12 horas da mañá.

LUGAR
Buscade vós o lugar significativo que consideredes mais axeitado dentro da vosa zona ou concello.
COORDENACIÓN
Para levar isto a bon fin, sería imprescindíbel que vos coordenárades cos centros próximos e que solicitárades a cooperación de organismos tais como Protección Civil, Cruz Vermella...
DIFUSIÓN
Se decidírades que todos os coléxios do voso concello o fixeran conxuntamente, non o dubidedes e poñede-vos en contacto con nós, para dar-lle a maior difusión posíbel dende a nosa páxina.

En calquer caso, se esta proposta non fora factíbel non deixedes de sumar-vos á iniciativa de CADEA HUMANA dentro do voso próprio centro ou a aquelas actividades que consideredes pertinentes.

Pregamos-vos difundades esta convocatória entre o maior número de persoas posíbel.

Se queredes desenvolver actividades prévias sobre o tema ou difundir aquelas que teñades feitas ou estexades a facer, poderede-lo facer a través do noso correo electrónico (areanegra@areanegra.org) ou da páxina Web de Area Negra que é www.areanegra.net

PARA REMITIR A: www.areanegra.net
ACTIVIDADE: "Cadea humana"

A comunidade escolar do Coléxio ................................................................................................ de...................................................................................aderimo-nos á proposta de "Cadea Humana" a realizar o dia 22 de xaneiro, ás 12.00h.en ........................................................................................ (Praza do Concello, lonxa, praias, coléxio, etc.)